Grazas por todo Marita

Hoxe é un día moi triste para todos os compañeiros de EQUO Galicia e doutros partidos políticos e agrupacións sociais galegas. Un gran membro do noso equipo, Marita Iglesias, deixounos esta madrugada. Queremos enviar todo o ánimo do mundo ao noso compañeiro Juan e ao resto dos seus seres queridos neste difícil momento.marita

Persoas como Marita marcan a diferenza e fan deste mundo un lugar mellor. O seu traballo e a súa loita son un exemplo para todos nós.

Marita foi un membro destacado de EQUO Galicia dende o principio. Como recordou o noso compañeiro Xesús, “coñecín a Marita en 2009 cando intentabamos poñer as bases para colaborar na creación dun proxecto verde en Galiza que se unise ás distintas corrientes verdes que no resto do Estado estaban organizandose para a unificación dos distintos partidos e sensibilidades ecoloxistas cara á creación dun único proxecto ecoloxista”. Nestes momentos, era membro da Comisión Executiva de EQUO Galicia, Secretaria de dita comisión e enlace co grupo de comunicación.

Hoxe podedes acompañar a Juan e os demáis amigos e familia no Tanatorio do Hospital Clínico de Santiago, e tamén mañá cando será incinerada ás 16:30 no tanatorio de Boisaca. Por respecto a vontade de Marita non se celebrará un funeral.

Marita, lembrarémoste sempre.
Grazas por deixarnos coñecerte, grazas por todo o que nos ensinaches.

3 Comments

  1. Mi más sentido abrazo a todos y todas. Siento no poder estar allí con vosotros en persona en este momento, pero os traslado el sentimiento de todo EQUO para los amigos y familiares de Marita y en especial para Juan.

  2. Juan José Maraña

    Ola.
    Hoxe, nunha sinxela cerimonia á que só asistiu Marisol Neira (a súa AP e amiga nestes anos, e a quen sempre estarei infinitamente agradecido), a súa cadela Fuka e eu, despois de 26 anos de convivencia, Marita, a miña compañeira de vida partiu na súa viaxe final, esta vez en soidade, desde a Insua dos Namorados, nas Illas de Gres, río Ulla abaixo, camiño do mar. Foi un acto sen liturxia nin solemnidade algunha nun día fermoso, asollado, presidido unicamente pola alegría de Fuka, ceibada ao fin tras moitos días de prisión forzada que, mergullándose, mordendo as ondas e correndo tola entre as augas e as árbores, parecía non entender por que estabamos alí detidos. Xa me deu consolo o día despois da súa morte, cando ao chegar a casa veu a min e pousou a súa cabezota nos meus xeonllos, durante un bo intre, mirándome en silencio.

    Non desexo facer unha elexía a Marita, non temades. Só subliñar, reafirmar, que non estamos equivocados. Os últimos anos da súa vida gozounos máis, con maior liberdade e máis dignidade grazas única e exclusivamente ao sistema de Asistencia Persoal propiciado por VIGALICIA e que aínda sendo eu quen afogado de dor pechou os seus ollos, a man da súa AP estivo á soster até o último instante tal e como ela dispuxo que o fixese. Os que aínda non dispomos deste recurso de vida, sabede, se aínda dubidabades, que a aposta é boa, certeira, que merece a pena loitar e que o tempo corre na nosa contra.

    Só quería darvos as grazas polas vosas mostras de agarimo, tanto aos que me acompañastes en Santiago de Compostela, aos que me telefonastes tanto como aos que me escribistes por unha banda ou outra, como aos que por unha razón ou outra aínda non contestei. Grazas, de verdade. Non sabedes como reconforta a voz e a palabra en metade de tan fonda soidade…

    Saúde e liberdade.

    Unha aperta.

    Juan José Maraña

Deixa unha resposta