Garantir a Vida Independente ás persoas con diversidade funcional

EQUO Galicia vén desenvolvendo un plan de acción para as persoas con diversidade funcional acorde aos criterios do Movemento de Vida Independente (MVI), co fin de establecer unha acción determinante nunha formulación social e política, que nestes días, inmersos na devastadora crise sanitaria e humanitaria xerada pola COVID-19 cobra maior relevancia. Estamos convencidos de que pode ser de enorme utilidade para o conxunto da poboación chegado o momento de recompor a estrutura e o ámbito dos coidados.

O efecto dramático co que a pandemia impactou no modelo residencial no que vén apartando ás persoas con diversidade funcional e maiores, evidencia o fracaso dun modelo que só ten por obxectivo ser un recurso de explotación comercial da segregación social xerada por un enfoque asistencialista, afastado do mandato ético, político e xurídico que establece a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU, 2006). Este tratado de Dereitos Humanos oriéntase por completo cara á vida en comunidade e explicita no seu artigo 19 o dereito á vida independente, posteriormente desenvolvido e concretado na “Observación xeral núm. 5 (2017)”, que insta á paulatina desinstitucionalización. Da mesma maneira, os obxectivos da Axenda 2030 van nese sentido, así como as directivas europeas, que remarcan que non se poden utilizar fondos comunitarios para institucionalizar e sí para o fomento da vida en comunidade.

Desde EQUO Galicia pretendemos cooperar co coñecemento que a experiencia reportou o MVI na formación e xestión das Oficinas de Vida Independente (OVI) como alternativas que non aspiran a ser unha solución xeral e única, pero que si demostraron ser solucións verificadas e contrastadas durante anos en distintos puntos da xeografía nacional, a nivel municipal e autonómico, desenvolvidas co apoio de formacións políticas de todas as cores. O chamado modelo de Vida Independente, exemplificado substancialmente no sistema de Asistencia Persoal, incorpora instrumentos cuantificables e mensurables que poden ser resolutivos na tarefa de reconstrución que nos agarda como sociedade.

Os seus valores destacables poden concretarse en medidas apoiadas en criterios como:

  • Sustentabilidade. Disponse de avaliacións contrastadas de que a atención autoxestionada non só é eficiente senón substancialmente moito máis sustentable para os sistemas públicos de atención que o actual modelo, e con altos índices de satisfacción dos usuarios.
  • Transitoriedade, en orde ás políticas de planificación ás que insta a ONU e a UE na procura dun modelo de autoxestión, evitando o caos e a desatención no necesario desmantelamento do modelo residencial, cos déficits estruturais que quedaron dolorosamente ao espido nestes días.
  • Empoderamento. A persoa con diversidade funcional toma as rendas da súa vida e decide como e onde vivir. Eleva a súa autoestima e fomenta o seu estímulo como individuo social.
  • A dignidade individual como eixo de actuación, obrigados a restituír esta como condición sine qua non para dar coherencia humanista ás arquitecturas sociais nas que se insire a cidadáns independentemente das súas limitacións biofísicas ou pola idade.
  • A inclusión na comunidade como paradigma. Non disociar ao individuo da contorna que lle dá natureza cívica, social e afectiva e que é a opción para vivir en igualdade de oportunidades.
  • Diversidade, entendida como recoñecemento moldeable da contorna para adecualo á variabilidade humana, e non ao contrario, evitando a discriminación por diversidade funcional.

Viñemos constatando desde a posta en marcha en 2007 da Lei de Promoción da Autonomía persoal e atención á Dependencia (LEPA), que o seu articulado non fomenta nin promociona a asistencia persoal. O resultado é a práctica inexistencia das prestacións de asistencia persoal, que só representa o 0,65% do total. Por iso e en base a todo o exposto, consideramos que é o momento adecuado para ir un paso máis aló e aprobar en Galicia unha Lei de Vida Independente e Asistencia Persoal que se desligue da LEPA, que propicie un cambio e abra unha nova era.

A vontade e a acción política son as únicas pancas que poden forzar un xiro transformador inédito e son estes instrumentos cos que un partido político como EQUO Galicia entende que o cambio é posible. Estamos convencidos de que a sinerxía entre as organizacións políticas e o activismo do MVI son esenciais para reconstruír con anticipación e solidez un esquema progresivo capaz de substituír no medio prazo ao caduco paradigma médico-asistencial de centros residenciais, nos que as súas debilidades amosáronse cruel e descarnadamente nestes días.

EQUO Galicia, xunto ao MVI, pon a disposición da modernidade política toda unha bagaxe de coñecemento e experiencias cultivadas dende fai máis dunha década capaz de transformar a vida das persoas.

Comments are closed.