Falamos con Marita

Marita Iglesias Padrón, afiliada de EQUO Galicia, é candidata por Alternativa Galega de Esquerda pola provincia da Coruña.

Que pensa Equo desta crise?

EQUO  pensa o que cento de miles de persoas pensan tamén: que é unha crise provocada polo propio sistema capitalista para baseándose no medo da xente a perder o seu traballo, a ter unha vida sen expectativas, poder cambear fácilmente o propio sistema, pero a peor, é dicir, retrocedeuse trinta ou cuarenta anos en dereitos civís, sociais, das mulleres… E isto parece non ter fin. Por iso EQUO neste periodo tan gris intenta poñer o verde coma cor de futuro.

Non lles preocupa que se lles tache de independentistas ou de comunistas?

É o mesmo que se a EU ou a ANOVA lles tachan de ecoloxistas. É acaso algo malo? Traballar en coalición ten eses riscos, pero tamén vantaxes coma é a de aprender a respetar o ideario dos demais.

 As veces parece que lles preocupan máis os icebergs que as persoas coa que está caendo….

Nos preocupan os icebergs porque a súa desaparición afectará dramáticamente ás persoas. Por iso EQUO dá un paso adiante constituíndose en partido ecoloxista para influir na política medioambiental que ata o de agora se ven desenvolvendo e que está a facer que o sistema se desequilibre.

Iso do New Green Deal non é unha utopía?

Non é unha utopía, é unha reacción positiva e profunda a unha situación de crise igualmente profunda.  Está en xogo a nosa supervivencia no planeta por iso non se pode falar de utopías cando nos vai nelo a pervivencia do mundo coñecido.

 Non cree que a xente pode pensar que son boas persoas, ben intencionadas pero que o que a xente necesita agora é traballo?

Pode que si porque se ten unha imaxe do ecoloxismo como defensor da flora e fauna do planeta sen ir máis aló. Se así fora, o ecoloxismo non podería dar unha resposta aos problemas sociais como é a destrucción de emprego. EQUO ten plantexamentos políticos e sociais claramente definidos no seu programa de acción e ten moi en conta que o dar prioridade ó mantemento a ultranza de algúns postos de traballo e manter un sistema productivo como é o que nos trouxo a crise actual.

 De verdade creen que hai enerxías alternativas baratas? Todo o mundo nos di que non.

Cando se invirte en algo que poida ser máis ou menos caro, hai que ter en conta os beneficios que nos proporcionará, e, dende logo, visto deste xeito, non queda dúbida de que as enerxías alternativas e respetuosos ca natureza, sen explotación exhaustiva dos recursos naturais, é o único futuro que nos queda. Tamén ten moito que ver coa reducción dos consumos de enerxía que o sistema actual de producción impón. Esta crise está a traer algo positivo que é que podemos vivir con menos, que sabemos racionalizar mellor os nosos recursos e que ¡non pasa nada!

Vostedes defenden aos animais pero… e aos gandeiros?

Son temas moi difíciles onde as solucións que EQUO poida aportar son moi difíciles de transmitir para que sexan ben entendidas. É moi duro decirlle hoxe a un gandeiro que ten que abandonar as explotacións dirixidas polas grandes industrias da carne e do leite (sobre todo condicionadas polos paises centroeuropeos).  Ten que haber un tempo de transición para permitir que esta xente viva dignamente, pero tendo o horizonte na producción centrada no consumo de proximidade, de calidade, ecolóxico e non especulativo.

Nesta coalición vostedes van moi mal posicionados, pensan que poden aportar algo?

Aportamos por primeira vez un novo xeito de facer política mediante a democracia participativa, de promover a ecoloxía social e política para fundamentar ideoloxicamente o sistema que propoñemos, o decrecemento como motor de cambio, o ecoloxismo, o respeto á diversidade nun mundo no que todas as persoas temos que asumir  a responsabilidade de especie dominante, polo entorno e a vida animal.

Parece que o resultado será ou ben goberno do PP ou ben de 3, 4 o 5 partidos. Non lle parece que esto pode ser un despiporre político?

A maior color, maior riqueza. Os sistemas de alternancia política entre dous levan ao hastío e ao esgotamento das ideas, á corrupción e á actitudes acomodaticias. Para iso non precisamos ir a votar, bastaría con alternar entre dous partidos cada catro anos.

Para rematar, dígame dúas cousas de vostede por favor, primeiro por que está en Equo e en segundo lugar que pode persoalmente aportar á política galega.

Formo parte de EQUO dende os seus inicios porque me ilusionou ver que ¡por fin! a miña inquedanza por cambiar o mundo, o meu respeto pola natureza e o convencemento de que só a ecoloxía entendida como sistema político podía facelo, confluían en EQUO. Por outra banda EQUO integra o respeto á diversidade no seu ideario, e iso alcanza á comprensión da diversidade funcional (discapacidade) entendida na súa vertente de dereitos humanos e civís e non só, como noutros partidos, como catalizador das políticas asistencialistas.

O que podo aportar é a miña experiencia directa do que acabo de decir como muller con diversidade funcional que espera romper os moldes preconcebidos por unha sociedade discriminadora co diferente. A diversidade é boa, o contrario sería o mundo de Orwell.

BIOGRAFÍA de Marita Iglesias

Formadora e experta en temas de violencia, xénero e diversidade funcional (discapacidade).

Activista en movimentos sociais relacionados coa diversidade funcional desde fai máis de 30 anos defendendo o modelo de Vida Independente en contraposición ao asistencialista da política social actual. Longa experiencia en proxectos de distintas Iniciativas da Unión Europea, entre os que destacan os relacionados coa violencia sobre mulleres pioneiros en España e precursores de posteriores iniciativas e estudios no ámbito da muller con diversidade funcional a nivel nacional e internacional. Formou parte do equipo de expertas creado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o deseño e posta en marcha do I Plan de Acción para as Mulleres con Discapacidade. Coordinadora do Grupo de Discusión sobre Violencia dentro da Rede Internacional de Mulleres con Discapacidade (INWWD).

Teño 54 anos e vivo nos arredores de Compostela.

Deixa unha resposta