Falamos con Alberto

Alberto Cremades Díaz, afiliado de EQUO Galicia e candidato por Alternativa Galega de Esquerda pola provincia de Ourense.

Porque EQUO vai na coalición Alternativa Galega de Esquerda?

Penso que, o feito de que un partido como EQUO vaia nesta coalición, é un síntoma de que queremos cambiar as cousas facendo unha fronte común coas outras forzas de esquerda galegas. Equo aporta 10.000 votos, case o mesmo que EU, e a nosa visión de economía sostible, equidade social e, por suposto, ecoloxismo, pensamentos que compartimos en grande medida todos os grupos membros da Alternativa Galega de Esquerda.

Que pensa EQUO desta crise?

EQUO pensa o que pensa a maioría da sociedade desperta; que esta situación está provocada por uns poucos privilexiados que manexan o seu antollo este sistema de capitalismo salvaxe, un sistema que se autoconsume perxudicando gravemente as persoas e os seus dereitos que tanto esforzo, loita e mesmo mortes costou conseguir. Pensamos que hai que mudar completamente o sistema e facer políticas de carácter sostible en tódolos eidos para recuperar a dignidade das persoas e, con elo, a da nai terra que nos acolle.

Non lles preocupa que se lles tache de independentistas ou de comunistas?

A min persoalmente non. Supoño que entre os nosos integrantes de toda Galicia haberá xente que se identifique co nacionalismo, co comunismo ou mesmo coas dúas cousas a vez. ¿Cál é o problema? Para min a diversidade e boa e enriquecedora, e todos os que estamos en EQUO confluímos nos puntos comúns que nos definen como partido. EQUO ten definición e ideario propio, e isto é unha coalición non unha fusión.

As veces parece que lles preocupan máis os icebergs que as persoas coa que está caendo….

Éste é un erro que herdamos do vello e mal entendido ecoloxismo. EQUO defenderá os icebergs, por suposto, pero sabendo que a súa desaparición é algo que afectará indirecta, pero gravemente, ás persoas de todo o planeta. EQUO quere que a política sexa transversal, que as decisións en materia económica sexan coherentes e respetuosas coas políticas medioambientáis e viceversa, e que busquemos novos modos de sostenibilidade para que as persoas se beneficien e vivan mellor. O coidado do medio ambiente leva implícito o cuidado das persoas.

Como se financia EQUO?

EQUO autofinánciase coas aportacións das persoas afiliadas e simpatizantes. Non estamos comprometidos con ningún crédito bancario, ni con ningunha entidade que puidese comprometer a nosa integridade ideolóxica.

Eso do New Green Deal non é unha utopía?

Eu diría máis ben necesidade. Pode que a visión dende fora semelle utópica, pero hai que poñer  grandes metas para acadar pequenos logros. Sabemos que non imos cambiar o mundo en dous días, pero faremos camiño, e comenzalo si é urxente.

Non cree que a xente pode pensar que son boas persoas, ben intencionadas pero que o que a xente necesita agora é traballo?

Por suposto. Somos boas persoas, somos ben intencionados, e sabemos que a xente precisa traballo, de feito moitos de nós estamos parados. EQUO, no seu manifesto fundacional e no seu programa, fala claramente de crear emprego nos sectores “verdes”. Falamos de enerxías renovables, desenvolvemento rural, agricultura e gandeiría, aproveitamento do monte, etc., e todo elo vinculado a creación e conservación de postos de traballo.

De verdade creen que hai enerxías alternativas baratas? Todo o mundo nos dí que non.

Cando se fala de enerxía barata pregúntome ¿comparado con qué? Porque dende logo a electricidade non nos está salindo nada barata, e de feito non hai máis que ver a enorme débeda que temos contraída coas hidroeléctricas. Ningunha industria enerxética é barata, nucleares, minería, todas se manteñen con millonarias subvencións, diñeiro que si se invertise nas renovables faría que éstas foran tamén “rentables”. E esto falando exclusivamente de cartos, porque se miramos para as consecuencias medioambientáis das enerxías tradicionáis, penso que a factura é carísima. Hai que apostar pola inversión en enerxías limpas e nese concepto chamado I+D+i para que cada vez, os medios de producción enerxética, sexan máis eficientes, ecolóxicos e rentables.

Vostedes defenden aos animais pero…e aos gandeiros?

Os gandeiros tamén. Cando se tratan temas tan delicados hai que ser cautos, non se trata de cambiar nada a curto plazo. Nós falamos sempre dun cambio global do sistema que, de xeito natural e progresivo no tempo, vaia reacomodando as formas de entender e facer as cousas. A gandeiría ideal para nós é a que segue un modelo de explotación sostible, ecolóxico e de proximidade, non o actual que se basea nun sistema especulativo e profundamente condicionado polas políticas de outros países.

Que propón vostede para o rural galego? Para o problema dos gandeiros do leite?

O tema da gandeiría penso que xa está respostado, porque habería que matizar moito e non é tema doado de expresar mellor en tan pouco espazo. E o resto do relacionado co rural é máis do mesmo. Explotación responsable e sostible dos montes, autoxestión mancomunada, por exemplo, e nada de concesións por 75 anos a empresas privadas. Inversión para facilitar o traballo e as novas iniciativas nos pobos e aldeas da comunidade, facilitando o repoboamento de moitas zonas hoxe prácticamente desertas, etc.

De onde sacarían vostedes o diñeiro para pagar a sanidade e educación que dín non queren recortar?

O gasto público, igual que o privado, é cuestión de prioridades. Polo tanto haberá que ter claro en qué queremos gastar e en qué non, e por suposto habería que desenvolver unha nova política fiscal que grave as rendas altas, ás grandes empresas, as empresas máis contaminantes, que loite decididamente contra a fraude fiscal….. trátase de querer.

Nesta coalición vostedes van moi mal posicionados, pensan que poden aportar algo?

A nosa realidade non fai relevante o tema do posicionamento nas listas. A coalición ten como obxetivo facer un frente común de esquerda, e para eso nós aportamos persoas comprometidas e traballadoras, uns ideais firmes tintados de ecoloxismo e equidade social, moita ilusión, un xeito participativo e fresco de facer as cousas, e por suposto os 10.000 votos obtidos nas pasadas xeráis.

Parece que o resultado será ou ben goberno do PP ou ben de 3, 4 o 5 partidos. Non lle parece que esto pode ser un despiporre político?

Todo o contrario, un parlamento sano é aquel con maior representatividade da diversidade política existente. A política é discutir ideas, chegar a acordos… O que non pode ser é que non haia alternancia ou esta se produza sempre entre os dous mesmos partidos. A menor representatividade e máis afincamento da mesma xente, maior será sempre o grao de corrupción e falta de democracia.

Para rematar, dígame dúas cousas de vostede por favor, primeiro por que está en EQUO e en segundo lugar que pode persoalmente aportar á política galega.

Estou en EQUO pola ilusión de ter descuberto unha forma diferente de entender a política, económica e social,  dende o respeto polo planeta e todo o que está nel: as persoas, os animais, os bosques, os mares… en definitiva, a vida.

A miña aportación hoxe en día pasa polo traballo comprometido para achegarlle á xente este proxecto. Se conseguimos infundirlle á poboación a mesma ilusión que temos nós e facemos cada día un EQUO máis grande e presente no panorama político, entón teremos oportunidade de pensar en outras capacidades e aportacións persoais.

BIOGRAFÍA de Alberto Cremades

Alberto, ten 37 anos e naceu na tranquila cidade das Burgas pola que presentou a súa candidatura. É diplomado en Ciencias da Educación e Licenciado en Historia e Ciencias da Música. Exerceu varios anos de educador e tivo unha empresa durante sete anos relacionada co cultivo orgánico. Dende fai uns anos está a formarse no ámbito das terapias naturais, profesión da que tenta vivir na actualidade. Defínese coma unha persoa profundamente disgustada coa política actual dos grandes partidos e co sistema salvaxe e capitalista no que vivimos, defensor do ecoloxismo e a sostenibilidade como modo de vida.

Deixa unha resposta