EQUO reclama responsabilidades na vertedura do río Lagares.

EQUO Galicia denuncia o desleixo do Concello de Vigo no cumprimento das leis que afectan á vertedura do río Lagares.

Ante as últimas verteduras producidas á canle do río Lagares, EQUO Galicia considera insultante o desleixo que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais.

O río Lagares é unha canle fluvial que estivo durante anos bioloxicamente morta debido aos constantes vertidos de todo tipo de substancias por parte de industrias e particulares. Esta situación resulta inexplicable e inxustificable a día de hoxe, xa que incumpre toda a lexislación que hai ao respecto de forma impune. Inxustificable pola a actitude das Administracións que miran cara a outro lado en vez de rematar coas verteduras e coa impunidade coa que actúan os culpables, xa que a día de hoxe hai medios materiais, técnicos e humanos para detectar vertidos e tamén para evitalos.

Sobre a orixe desta vertedura: A cualificación de accidente non exime ás empresas da execución de medidas de prevención, de evitación e de reparación se son instalacións que fabrican produtos perigosos, como os químicos, por exemplo. O control sobre este tipo de
instalacións é máis estrito polas inspeccións administrativas. Neste caso, aínda non está claro que tipo de industria é a que xerou esta vertedura pero segundo algúns medios podería ser algunha empresa química da zona.

Sobre as empresas que levan a cabo este tipo de actividades, debe comprobarse ademais se teñen licenza municipal de actividade (outorgada polo Concello) e outro tipo de autorizacións preceptivas como a autorización ambiental integrada a cal vai conter información que asegure que a actividade executada na nave produce uns valores de emisión ou de contaminación compatibles co respecto ao medio ambiente e a saúde das persoas.

Por todo o mencionado anteriormente EQUO Galicia esixe:
• Que as Administracións correspondentes fagan cumprir a lexislación existente para casos coma este.
• Que se determine con celeridade cal é a empresa responsable.
• Que dita empresa, determinada responsable, cumpra co castigo correspondente, tanto económico como funcional, sen quedar eximida da súa responsabilidade.

EQUO Galicia quere resaltar que é moi preocupante que as Administracións Públicas con responsabilidade neste ámbito non cumpran coas súas obrigas producindo co seu desleixo que este tipo de situacións se repitan cunha elevada frecuencia.

Deixa unha resposta