EQUO reclama a separación de augas nos núcleos urbanos

EQUO Pontevedra quere chamar a atención sobre a preocupación dos veciños de Gondomar ante a obra que está a realizar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de substitución do colector principal de saneamento.

O colector principal de saneamento discorría polo curso dos ríos Zamáns e Miñor, no concello de Gondomar. Este transcorría pola parte baixa do núcleo de Vilaza ata a entrada da depuradora. Para solucionar os actuais problemas de exceso de caudal na depuradora, ademáis de modificar o trazado do colector,  estase a construír un tanque de tormentas con pozo de bombeo. Pode parecer que é simplemente un depósito para acumular a auga da chuvia en momentos onde as precipitacións son excesivas para ser asumidas pola canalización instalada. Sen embargo, tendo en conta que en Gondomar non hai separación de augas pluviais das fecais, é un  pozo negro onde se van acumular as augas fecais para logo ser bombeadas de novo a rede de saneamento cara a depuradora.

Este pozo negro estase facendo a carón da rúa Curros Enríquez nunha parcela pública que antes viña sendo usada como parque. Estase a facer a escasa distancia do río Miñor e dun edificio de vivendas.  Se a rede de saneamento recibe un volume de augas que exceda á capacidade de absorción da depuradora nos momentos de aumento do caudal, serán desviadas a este depósito onde se almacenarán augas fecais e pluviais  sen tratamento algún. As espumas, aceites e calquera vertido de baixa densidade, quedará na superficie e o máis denso depositarase no fondo. Pode ser que no proxecto contemplen usar algún tipo de floculante (tipo alumbre ou similar) que compacte os sólidos en suspensión e facer unha retirada dos mesmos, o que minimizaría o impacto, pero non o elimina. O que si se contempla no proxecto é que cando a capacidade do tanque se exceda procederase a verter directamente o exceso ao río.  Non se especifica por ningures unha cuantificación de cantos metros cúbicos de augas fecais sen depurar irán parar ao río Miñor.

Obra do tanque de tormentas en Gondomar ao carón do río Miñor.A  alarma medra entre os veciños preocupados polos futuros cheiros provocados pola acumulación dos residuos, así como os desprendidos nas tarefas de baleirado dos residuos sólidos sedimentados  e de  mantemento do tanque. O impacto paisaxístico da obra tamén é preocupante, xa que se atopa nunha zona recuperada para os veciños ao carón do río que se vai ver afectada pola construción do tanque que acadará unha altura considerable neste terreo. Tamén hai unha preocupación no caso de mal funcionamento da estación de bombeo.

Dende EQUO Pontevedra queremos denunciar a  falta de información por parte das autoridades. Estas ocultaron a documentación e lles negaron información aos veciños ata xa avanzada a obra. Foi tras a presión popular que accederon a dar unha charla informativa.

EQUO Pontevedra considera imprescindible que se faga pública a estimación dos metros cúbicos de augas fecais que acabarán no río Miñor coa chegada das chuvias, por exemplo, nun inverno como o que acabamos de pasar.

EQUO Pontevedra reclama que se invista na separación de augas nas redes de saneamento dos núcleos urbanos. As augas fecais son constantes durante todo o ano e son as que precisan pasar pola depuradora. As augas pluviais son augas limpas que poden verterse ao río directamente ou acumulalas para logo empregalas no rego de xardíns ou limpeza de rúas. Coa separación de augas nas redes tamén se evitaría ter que construír tanques de tormentas que acaban por verter as augas negras sen tratar directamente aos ríos contaminando toda a contorna.

Deixa unha resposta