EQUO Pontevedra entende que no trazado dun carril-bici debe priorizarse a seguridade dos usuarios da bicicleta

EQUO Pontevedra quere denunciar as irregularidades que presenta o mal chamado carril bici que se está a facer na estrada PO-325, coñecida como Estrada pola Vía, e sinalar os seus puntos negros no traxecto que discorre polo concello de Nigrán.

Este carril bici afecta a dous concellos,  Vigo e  Nigrán, e se no tramo do concello de Vigo a anchura dos carrís ven sendo uniforme, e cando chegamos a Nigrán onde atopamos as máis graves irregularidades.

As máis grandes afectan o tramo que vai dende a rotonda con Bernardo Vázquez ata o cruce do cámping Praia América, no que o carril-bici simplemente desaparece, facilitando así o aparcamento dun supermercado.

Un pouco máis adiante, na recta de Praia América, as obras se centran en acometer unha obra de humanización, priorizando as beirarrúas e os aparcamentos sobre a circulación en bicicleta. Temos a simple vista un punto negro provocado por esquivar coas beirarrúas unha pista de tenis que inexplicablemente escapou á expropiación que interrompe o trazado.

Outro tramo perigoso tamén vai ser o cruce con monte Lourido, un cruce de varios carrís regulado por semáforos cunha visibilidade escasa debido a unha construción “extrana” que hai no marxe esquerdo en dirección a Baiona.  Co  transcorrer das obras, aínda será máis perigoso xa que aumenta a anchura da beirarrúa no marxe dereito para esquivar unha entrada de garaxe soterrado que carece de bado e facendo desaparecer o carril bici ao quedar moi reducido o ancho total da calzada para os dous carrís de circulación.

É inadmisible que as expropiacións para reforma da vía sexan aleatorias. O esforzo dos veciños para a mellora da vía debe ser equitativo e non a expensas de cada finca, xa que tan importante pode ser para o seu propietario unha pista de tenis coma un anaco de terreo onde plantar patacas.

En todo o tramo da PO-325 o carril bici desaparece en cada cruce ou rotonda e as beirarúas que están feitas a par carecen de continuación para os peóns en moitos dos cruces. Isto no só é un perigo para as persoas que fan uso da bicicleta a diario, senón tamén para os peóns en xeral e as persoas de mobilidade reducida que precisan  de unha cadeira de rodas para poder desprazarse.
Imaxen do carril-bici Vigo-Nigrán

A esto non se lle pode chamar carril-bici.

Dende EQUO Pontevedra queremos denunciar que non se está a acadar o obxectivo de dar cabida a un carril-bici. Queremos que se deixe de chamar como tal, sobre todo polas autoridades que tanto se louvan do proxecto sen importarlles o resultado xa que non farán uso del. Queremos incidir que un carril-bici debe facerse para uso e disfrute das persoas que escollen a bicicleta como medio de transporte habitual e para as persoas e familias que o usan como forma de entretemento. E se o fin desta obra era resolver  o conflito permanente entre os condutores e os grupos de ciclistas que compartían a Estrada pola vía, está claro que cos puntos negros antes descritos, que son so unha pequena mostra, o problema non está resolto.

EQUO Pontevedra entende que o trazado dun carril-bici debe priorizarse a seguridade dos usuarios da bicicleta sobre calquera outra circunstancia  garantindo a súa continuidade e dotándoo de sinais apropiadas que defendan o seu uso correcto, cousa que non existe neste caso.

Queremos facer dende aquí un chamamento as persoas e colectivos que queiran traballar na redacción dun documento que vai denunciar estas irregularidades do trazado do carril-bici da PO-325, así como outro onde se reunir propostas de mellora ao seu trazado co fin de mellorar a seguridade dos seus usuarios.

Deixa unha resposta