EQUO pide a retirada do dique no Miño en Lugo

EQUO Galicia insta ao Concello de Lugo a actuar con urxencia fronte ós danos medioambientais infrinxidos ao Río Miño polas obras ilegais do dique da Fábrica da Luz.

Consideramos que as autoridades competentes, Concello, Xunta de Galicia, Confederación hidrográfica e Ministerio de Medio Ambiente deben tomar medidas correctoras coordinadas para voltar ao seu estado orixinal ese contorno único e minimizar os danos que se provocaron durante a construción da ataguía, os que está provocando e os que pode provocar dado o risco do seu esborallamento no vindeiro inverno.

dique fóra - cartaz

Apoiamos e convidamos a sumarse a toda a cidadanía á convocatoria do día 21 de setembro da Plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, na que EQUO é integrante e participa, diante do concello de Lugo ás 20:30 para esixir a retirada urxente do dique ilegal e reparar o dano causado.

EQUO reclama, en cumprimento da legalidade, o seguinte:

  • Eliminación inmediata da ataguía ilegal construída “provisionalmente”, xa van 10 meses, na canle do Río xa que periga a súa integridade co aumento de caudal propio dos meses de outono. E para minimizar, o impacto ambiental que xa está causando, e no posible, a sanción a conta das arcas públicas locais do ministerio de medio ambiente. Reclamamos a súa eliminación urxente pola fin da época de estiaxe e os problemas de seguridade que pode causar na época das choivas.
  • Seguimento e vixiancia escrupulosa sobre as obras que se realicen no proxecto da fábrica da Luz.
  • Revisión e cumprimento do estudo de impacto ambiental e adaptación á normativa europea e nacional sobre actuacións nas marxes dos ríos en Rede Natura. Neste momento esa obra non estaba contemplada no mencionado estudo.
  • Que se respecte o caudal inicial de adxudicación de 7.000 litros por segundo. Neste momento ampliouse a 18.000 litros fóra de concurso.

EQUO pide respecto para os nosos valores ambientais e paisaxísticos e que se minimicen os posibles danos que as obras e as medidas correctoras poidan provocar na biodiversidade protexida dese espazo, xa que nesa zona coexisten especies vulnerables e especies en perigo de extinción.

Consideramos esta obra ilegal, xunto co proxecto aprobado con escasa transparencia e participación da cidadanía, unha aberración e un atentado contra a nosa riqueza natural como país.

Deixa unha resposta