Documento Fundacional EQUO Galicia

DOCUMENTO FUNDACIONAL DE EQUO GALICIA

1. As evidencias a comezos do século XXI

Asistimos a un modelo de desenvolvemento ambientalmente insostible, a un sistema económico socialmente inxusto e a un modelo político no que as elites gobernantes, supeditadas aos poderes económicos, perverteron a esencia da política e da democracia, mudando o goberno da cidadanía polo dos mercados financeiros.

Vivimos unha emerxencia ambiental que se está a xerar por mor dun sistema que busca o crecemento económico permanente e ilimitado. A (mala) xestión dos recursos naturais, do territorio e mais do sistema enerxético provocan un desenvolvemento que sabemos insostible ambientalmente, e que nos conduce a un punto de non retorno que compromete a continuidade dos procesos ecolóxicos que sustentan a vida tal e como a coñecemos. O que hai unhas décadas era unha sospeita é agora unha certeza científica. A alteración do equilibrio ecolóxico até niveis extremos provocado pola irracionalidade dun sistema de produción ilimitado é unha verdade evidente.

Por outro lado, a pesar dun crecemento económico mundial sostido durante décadas, que leva aparellado incrementos exponenciais na explotación de materias primas e recursos enerxéticos, así como un enorme aumento da produción de alimentos, este sistema económico non só é incapaz de lograr o benestar de todos os seres vivos, nin sequera consegue erradicar a pobreza a escala global, ou impedir a fame de millóns de persoas. Polo contrario, vivimos nun grotesco escenario onde o malgasto inmoral das minorías convive coa miseria absoluta dos seus conxéneres. Un sistema profundamente inxusto no social que só avanza na desigualdade amosa que o fracaso social do capitalismo globalizado é tamén unha verdade evidente.

Como evidente é que Galicia non é unha excepción, e a actual crise mostra unha vez máis que a falta dun modelo propio e sostible provoca estragos sociais, con altísimas taxas de desemprego, un renovado fluxo emigratorio e o ruinoso desmantelamento dos seus sectores máis dinámicos e competitivos. E do mesmo xeito vemos un ataque crecente ao noso sistema de protección social que busca a súa redución (cando non a súa privatización).

A nosa terra, Galicia, sufriu de forma directa unha infinidade de agresións ambientais que nos amosaron de forma próxima que a fraxilidade do equilibrio ambiental está realmente ameazado. A pesar diso insístese en maltratar os seus recursos, desordenar o seu territorio e desaproveitar o seu potencial natural.

A evidencia destas realidades e a mobilización para denunciar os desastres sociais e ambientais non foron suficientes para torcer o rumbo dos acontecementos.

 

2. A necesidade da política

Para que se produza un cambio é necesaria unha alternativa tamén global, un novo paradigma que teña por obxectivo unha civilización que, facendo un uso racional dos seus coñecementos, logre un equilibrio que faga sostible a súa interacción co noso ecosistema e que garanta o benestar básico e a igualdade dos seus integrantes.

Temos a convición da necesidade dunha renovación radical da política para rexenerar a democracia e facer que a economía estea ao servizo das persoas de acordo coas necesidades reais da sociedade e os límites da biosfera.

Esa alternativa só se pode concretar a través da actuación política. Para iso necesitase unha plataforma política que propoña unha vía e un programa para cambiar a realidade. Obviamente, calquera cambio político profundo neste sentido implica un necesario cambio cultural. Para iso, os individuos e a sociedade necesitan reformular os seus comportamentos en cuestións tales como o concepto de benestar, o consumo necesario e a responsabilidade solidaria.

Necesítase desa nova plataforma política para que todas as persoas que en Galicia buscan cambiar as cousas pensando neste novo reto volvan ter ilusión pola participación.

 

3. EQUO GALICIA: A nosa plataforma política e os seus principios reitores.

EQUO GALICIA está impulsada por persoas que compartimos unha traxectoria de traballo a favor da sostibilidade ambiental e a equidade social. Somos parte da sociedade civil máis activa e estamos nos movementos ecoloxistas, nas organizacións sindicais, feministas, no mundo da cultura, e nas prazas e rúas cos mozos e mozas indignados.

EQUO GALICIA asume o legado dos partidos verdes, pioneiros na defensa da sostibilidade ambiental (non en van queremos formar parte do Partido Verde Europeo), pero sen limitarse a ese marco pretende tamén recoller a mellor tradición de loita polas liberdades, a igualdade social e os dereitos dos traballadores e traballadoras provenientes da pluralidade da esquerda, así como o sentimento galeguista concretado no primeiro estatuto de autonomía de Galicia e que comparte a gran maioría da nosa poboación.

É inequívoca a nosa vontade de asumir os dous eixos da nosa acción, o ambiental e o social, sen que baixo ningunha circunstancia aceptemos o menoscabo do un respecto do outro. O sistema económico e produtivo actual actúa de forma perversa e á vez contra o noso ecosistema alterando desfavorablemente o seu equilibrio, e contra a armazón social aumentando a desigualdade entre as persoas e entre as nacións. A precariedade social e ambiental que vivimos é consecuencia da mesma irracionalidade. As loitas en prol da sostibilidade ambiental e social son inseparábeis. Non podemos caer nas trampas de pensar que o social pode xustificar o adiamento do ambiental, ou que o ambiental é independente do social. A nosa visión conxunta de ámbalas loitas é parte irrenunciable da nosa identidade.

O noso espírito igualitario lévanos a recoñecer novas formas de vellas desigualdades que se manifestan en múltiples discriminacións. En EQUO GALICIA recoñecemos a vergoñosa situación que ao comezo do século XXI segue presentando a discriminación contra a muller e expomos abordar de forma prioritaria as causas e as consecuencias desa desigualdade. Nese sentido os homes e mulleres de EQUO Galicia asumimos o feminismo. Da mesma forma, consideramos lesiva contra o máis mínimo sentido democrático calquera discriminación sufrida polos individuos debido ás súas opcións persoais, sentimentos relixiosos ou ausencia destes, preferencias sexuais, lugar de orixe ou á súa particular diversidade funcional.

Reafirmámonos no carácter radicalmente democrático como fin e como medio para alcanzar os nosos obxectivos coa cidadanía e nas institucións. As nosas actuais estruturas democráticas, dende as locais até as europeas, mostran unha grande carencia de participación dos cidadáns, que padecen a ausencia de canles efectivas de decisión das cuestións que mais lles interesan. Iso redunda no desinterese dos cidadáns pola política. A falta de transparencia das institucións e os propios partidos políticos desaniman á súa vez á participación. Cremos que non só deben cambiar as políticas, senón tamén a política.

Unha democracia participativa non implica negar a representatividade parlamentaria, senón mellorala, rectificar o rumbo de distanciamento coa cidadanía e evitar o afastamento dos intereses reais das maiorías. Estes conceptos teñen hoxe unha urxencia crítica, dado que vivimos un asalto real desde os centros de poder económico ás institucións para impor unha ditadura a través do organismos financeiros e os tecnócratas que os representan.

EQUO Galicia asume ademais o compromiso de prefigurar na súa organización e funcionamento interno estes mesmos valores: participación, decisión e transparencia en todos os niveis, valores que quere levar ás institucións.

En especial, EQUO quere ofrecerse como un espazo de acción política para as xeracións emerxentes de mozos e mozas inquedos, dispostos a comprometerse xenerosamente para atopar individual e colectivamente solucións democráticas aos desafíos do noso tempo. EQUO quere conectar tamén coas cidadás e cidadáns que aspiren a vivir dun xeito distinto, que aspiren a superar o consumismo e a acumulación, e asuman un consumo máis responsable e unha mellor calidade de ocupación e de vida.

Dende a convición de que estes principios non son patrimonio exclusivos de ninguén, EQUO GALICIA nace coa vocación de ser punto de encontro dun amplo movemento socio-político que promova solucións viables a estes desafíos do noso tempo e ofreza unha canle de participación política ás persoas que non se resignan. Para iso buscará o acordo e a converxencia con quen compartan estes obxectivos, dende a independencia e o respecto mutuo.

 

4. Galeguismo, federalismo e solidariedade

Entendemos que Galicia ten unha forte identidade construída sobre a súa lingua propia, os seus elementos culturais e a súa realidade histórica. A identidade nacional propia e o dereito a plasmala institucionalmente están no noso país vinculados o concepto mesmo de cidadanía. Os que compomos EQUO Galicia non só recoñecemos esta realidade senón que estamos comprometidos co fortalecemento do noso sentimento como pobo así como na construción dunha realidade institucional de plena autonomía política.

Decidimos apostar por Galicia porque é a terra onde nacemos ou que escollemos para vivir, e aínda que non somos posuidores do concepto absoluto nin da exclusividade do galeguismo, vivimos e traballamos por e para esta terra, vivimos e falamos o seu idioma, vivimos e absorbemos a nosa cultura e inculcámoslles aos nosos as tradicións desta nosa Galicia. Queremos ser soberanos para protexer tanto a nosa lingua e cultura como o noso contorno.

Definimos así a nosa postura como galeguistas asumindo a promoción da lingua e cultura propias, a defensa irrenunciable da autonomía política de Galicia, integrada nun marco federal multinacional, libremente pactado, socialmente solidario e de horizonte europeísta.

O galeguismo e a defensa da nosa autonomía non poden ser interpretados como forma algunha de illamento, todo ou contrario. Compartimos cos demais pobos o desafío de superar os desastres socias e ambientais.

As tráxicas consecuencias da globalización feita polos mercados non se solucionarán negando a posibilidade da globalización mesma. Co mesmo razoamento non solucionaremos as desfeitas da Europa do mercados illándonos dela. Insistimos en que outra Europa é tan necesaria como posible.

Tamén pretendemos encher coa solidariedade as desigualdades que este sistema xerou entre as distintas nacións e rexións do mundo. Unha clave para un novo desafío é poder construír respostas políticas globais e dende a nosa particularidade galega. Se as catástrofes e mais as inxustizas producidas pola irracionalidade non saben de fronteiras, a nosa solidariedade tampouco.

 

5. Agora e o momento

Agora é o momento. Outras orientacións económicas e sociais impóñense. Outro tipo de sociedades son indispensables. Outra prioridade nos valores  é desexable: a responsabilidade para coas persoas e a sociedade  e coas xeracións futuras; o equilibrio nas relacións coa natureza; a equidade entendida como igualdade de dereitos e oportunidades. A solidariedade entre as persoas, os pobos e as xeracións; a austeridade ben entendida como a mesura e a eficiencia no uso dos nosos recursos.

A democracia participativa e prospectiva, o pacifismo activo para abrir camiños cara a outro proxecto realista de sociedade e de civilización, que sexa posible a convivencia pacífica e o benestar humano para toda a poboación axustando o desenvolvemento aos límites físicos e biolóxicos do planeta, nun mundo que, aínda que non perfecto, sexa viable para todos e máis xusto.

Cremos que unha nova proposta alternativa de sociedade, unha que vaia máis alá do capitalismo e o produtivismo, en particular no que se refire a un deseño completo do seu funcionamento económico é algo que está aínda por inventar. Sen dogmatismos, con democracia e participación.

Deixa unha resposta