EQUO Galicia reclama unha xestión integral do monte

Nestes días nos que o lume volta a estragar os nosos montes e os seus recursos, EQUO Galicia quere incidir na necesidade de poñer en valor o potencial real dos montes galegos, moi en contra da opinión do actual Goberno da Xunta de Galicia e da súa lei de montes.

A opinión do actual goberno, que se contenta con que a superficie queimada sexa a menor dos últimos vinte anos, non é válida. Galicia precisa dunha clara posta en valor dos verdadeiros recursos forestais que non son os dos madeireiros.

Cada vez que un monte se queima destrúese a flora e fauna poñendo en perigo a biodiversidade da nosa terra. A superficie deforestada dos montes galegos queimados enfróntanse a outros perigos máis grandes que o propio lume.

A nova lei de montes abre as portas á venda dos nosos montes coa escusa da rendibilidade dos seus recursos, expropiando os montes de man común e facilitando o camiño ás empresas madeireiras e ás explotacións extensivas de biomasa. O fin destas empresas sempre será exclusivamente o económico e nunca a posta en valor dos recursos propios pensando nun futuro sustentable, apostando sempre por especies arbóreas cun rendemento económico inmediato en lugar de buscar unha fraga complexa e rica en recursos en todos os seus niveis.

Dende EQUO Galicia consideramos que a mellor defensa contra o lume é o impulso dunha xestión do monte global e eficiente comezando pola formación da cidadanía a nivel local sobre o potencial dos posibles usos do monte. Os incendios non desaparecerán namentres non o fagan as principais causas que os xeran. O abandono do campo e o conseguinte aumento da biomasa, xunto a unha elevada intencionalidade e malas prácticas agrarias, fan dos lumes un mal endémico no noso país. Existe suficiente normativa para impulsar a creación e estabilización de emprego no medio rural, protexendo á vez os nosos ecosistemas e recursos naturais dos nosos bosques e montes. As tarefas de mantemento e conservación son nulas por parte da maioría das comunidades de man común e dos particulares ou simplemente se limitan a desbrozar. Mentres, a Xunta inviste nun programa de mínimos no que tan só teñen cabida os labores de extinción eliminando a prevención dos orzamentos.

EQUO Galicia denuncia que tan só o 25% dos traballadores nas áreas forestais realizan labores de mantemento ou extracción namentres que o restante 75% do persoal que traballa nas zonas forestais faino en período de incendios. Por outra banda, as empresas madeireiras levan do monte a materia prima de máis valor e deixan os ramallos abandonados de xeito que non só alimentan o lume, senón que entorpecen os labores de extinción.

EQUO Galicia esixe unha xestión do monte integral na que se combine a explotación madeireira responsable con outras explotacións: micolóxicas, froiteiras, de froitos forestais, pastoreo e en último caso biomasa cos restos que non valen para outra cousa – coma árbores enfermas por fungos, entre outras. Por outra banda, EQUO reclama que as superficies afectadas polo lume non poidan perder a súa cualificación de terreo forestal por 30 anos, como se viña facendo ata agora, evitando que un misto separe a especuladores urbanísticos ou empresas de minería dos nosos bosques.

EQUO Galicia apoia á Asemblea Galega Contra o Lume que ven de presentar no Parlamento Galego «as dez medidas para loitar eficazmente contra o lume» e as súas propostas.

Deixa unha resposta