EQUO Galicia propón aprazar as eleccións seguindo o principio de prudencia

O partido ecoloxista en Galicia, EQUO Galicia, fai unha chamada á responsabilidade colectiva e individual e reclama que se apracen as eleccións ao Parlamento de Galicia convocadas actualmente para o 5 de abril de 2020.

Ante a situación actual de aumento progresivo das precaucións, estamos vivindo tamén continuo goteo de cancelacións e aprazamentos de todo tipo de actos e eventos públicos para así reducir ou evitar o espallamento acelerado desta enfermidade. Da mesma forma, e por coherencia, dende a Xunta de Galicia e dende o Goberno central deberíase mostrar unha posición clara e contundente: Adiar as eleccións.

Dende a política e dende todas as canles posibles temos que esforzarnos en transmitir unha mensaxe tranquilizadora, xa que a situación actual dista de ser tráxica, pero ao mesmo tempo debemos ser responsables e prudentes para evitar que as cifras de posibles contaxios se concentren nun espacio curto, e así permitir aos nosos excelentes servizos de sanidade públicos xestionar esta circunstancia.

O partido verde afirma que a saúde das galegas, así coma de todas as persoas do mundo, debería ser unha prioridade absoluta e que debe poñerse sempre por diante da axenda política, aínda que isto supoña dar marcha atrás cunha convocatoria tan importante coma son unhas eleccións.

EQUO Galicia considera que de non adiarse esta convocatoria, se estaría a dar unha mensaxe pouco coherente dende as propias administracións, ademais de por nun risco innecesario a poboacións en situación de vulnerabilidade.

O candidato á presidencia da Xunta, Alberto Prieto declara que “a situación actual de tranquilidade non debería facernos esquecer o risco que existe de saturar o noso sistema sanitario, que xa está atraballar a reo e con recursos limitados tras tantos anos de recortes. Con prudencia e sentidiño podemos evitar que existan máis complicacións das necesarias”

Comments are closed.