EQUO Galicia pide que a rede ferroviaria conte con todas as medidas de seguridade

Co gallo de cumprirse un mes do fatal accidente de Tren ALVIA en Angrois -Santiago de Compostela-, en EQUO Galicia queremos lembrar a memoria das 79 vítimas mortais e de todas as persoas feridas, así como expresar a nosa solidariedade coas súas familias e achegados.

Este accidente debe facernos pensar que a seguridade e a prevención deben ser unha máxima prioritaria por parte dos responsables políticos. A falta do sistema ERTMS, un mal balizamento e a falta dunha sinalización adecuada non foron suficientes medidas de prevención, polo que cuestionamos que só o maquinista sexa o único responsable desta causa.

Dende EQUO Galicia pensamos que se deben depurar todas as responsabilidades políticas dende o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE aos que consideramos como principais responsables públicos desta traxedia. Pedimos a creación dunha comisión independente co obxecto de estudar as verdadeiras causas deste accidente e aplicar as correccións necesarias para evitar que se repita.

Ao marxe das responsabilidades xudiciais e políticas, EQUO Galicia pide que a rede ferroviaria conte con todas as medidas de seguridade da Alta Velocidade, se suprima a curva da Grandeira e se revise todo trazado.

Deixa unha resposta