EQUO Galicia pide medidas eficaces para atallar a onda de incendios forestais

A Xunta debe sacar conclusións sobre a súa actual política de prevención e xestión de riscos logo dos máis de 100 lumes declarados en territorio galego nos últimos días.

EQUO Galicia considera que nun ano no que as cifras de incendios se dispararon, é momento de implicar aos municipios e comunidades de montes na procura dunha solución eficaz para atallar o problema e que a actual Administración autonómica debe investir máis en solucións de prevención e menos en fomentar a eucaliptización do territorio.

EQUO Galicia pide medidas eficaces para atallar a onda de incendios forestais

Aínda que estes días distintos factores como as elevadas temperaturas e fortes ventos aliáronse á recorrente seca que se está a vivir en territorio galego durante todo o verán creando unha “tormenta perfecta” para os incendios, é no investimento en medidas preventivas onde está a clave para atallar o problema.

Ao respecto, a Xunta debe investir substancialmente en detección de incendios forestais e incorporar sistemas de información que se apoien nas novas tecnoloxías, coma o desenvolvemento dunha rede permanente de monitoraxe das condicións ambientais nos montes galegos que poidan aportar información en tempo real e permitan realizar unha análise de datos que permita valorar os puntos máis sensibles a nivel territorial.

Doutra banda, EQUO Galicia considera que o modelo de xestión de montes fomentado pola actual Administración da Xunta e o seu reiterado apoio á eucaliptización do territorio, con plantacións de especies pirófitas que xa superan as 400.000 hectáreas a nivel galego, non achegan solución algunha senón que aumentan a dimensión real do problema.

É necesario lembrar que, logo da mortal onda de incendios forestais sufrida o pasado mes de xuño, o Goberno portugués acordou reducir significativamente o número de plantacións deste tipo de especies como parte das reformas levadas a cabo na lexislación forestal do país.

Comments are closed