EQUO Galicia pide ás autoridades municipais e autonómicas que tomen medidas para aliviar a problemática de vivenda na cidade de Vigo

A formación verde únese a outras numerosas organizacións políticas e sociais e pídelle tanto á Xunta como ao Concello da cidade olívica que colaboren unidos para conseguir unha cidade máis xusta e habitable para a poboación residente.

Para tal fin, participou na elaboración dunha serie de propostas que se entregaron a ambas institucións, recomendando así mesmo o establecemento dunha ponte de comunicación permanente entre as distintas asociacións e os diferentes organismos públicos implicados, ao ser os colectivos sociais unha fonte indispensable de información para a Administración pública.

Entre as propostas feitas ao Concello de Vigo está a posta en marcha dun Plan Municipal de Emerxencia contra a pobreza e a aceptación do Plan de Vivendas Baleiras da Xunta.

Este plan municipal  incluiría, dunha banda, o censo de persoas sen teito e a xestión eficaz da súa problemática e empadroamento, así como as melloras no albergue municipal e a compra ou aluguer de vivendas destinadas a situacións temporais de emerxencia persoal e/ou familiar.

A Administración autonómica debería, pola súa parte, colaborar no plan proposto á autoridade municipal, dado que ten a maior parte das competencias en política social e aliviar as situacións de pobreza para calquera cidadá/ou tamén forma parte das súas atribucións.

Acampada contra a pobreza na Praza do Rei, Vigo

OUTRAS SOLUCIÓNS PROPOSTAS Á ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

Entre outras medidas, solicitouse á Xunta de Galicia a creación dun centro de inclusión social nunha zona de Vigo que poida resultar idónea e que conte con atención profesional 24 horas, destinado a todas aquelas persoas que non poidan ser autónomas (drogodependencias, enfermidade mental, etc.)

Doutra banda, tamén estaría a compra ou aluguer de vivendas de emerxencia , destinadas ao aloxamento temporal e adecuado das vítimas dos desafiuzamentos mentres se lles busca unha solución duradeira e á marxe das actuacións que neste sentido poidan realizarse a nivel municipal.

Dado que ata agora o Concello de Vigo negouse a asinar o Plan de Vivendas Baleiras da Xunta é urxente e necesaria unha solución alternativa para todas aquelas familias que teñen dificultades para afrontar o pago dunha vivenda, algo en que a Xunta debe insistir como garante da calidade de vida de galegas e galegos.

En relación con isto, deben de mellorarse as condicións do Bono Aluguer, que a Xunta debe conceder, previa autorización dos servizos sociais, a todas aquelas persoas cuxos ingresos mensuais sexan inferiores ao 1,5 do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), aínda que non teñan unha orde de desafiuzamento ou non se atopen nunha situación de malos tratos.

Finalmente, a Xunta debe de contribuír a paliar a grave falta de técnicos de atención social na cidade máis grande de Galicia, dado que os fondos que a Xunta proporcionou para contratar 11 traballadores sociais foron empregados para regularizar a situación dos 17 traballadores que xa estaban contratados. Neste sentido, só un esforzo coordinado e conxunto de ambas as administracións pode achegar unha solución eficaz ao problema.