EQUO Galicia pide a Sogama que se reconvirta para poder ser rendible

EQUO Galicia pide o cambio de actividade de Sogama para priorizar a reciclaxe fronte á incineración

A planta de Sogama foi creada, ademais de para solucionar o problema dos residuos e os vertedoiros en Galicia, para beneficiarse da lexislación vixente no seu día. En virtude desa lexislación, Sogama cobraba subvencións por crear enerxías limpas a base de contaminar o medio queimando lixo para producir electricidade.

Hoxe, coa finalización destas axudas, Sogama incrementa a taxa de lixo dos concellos, co beneplácito do goberno da Xunta, para que sexa a cidadanía quen asuma dita perda cun aumento no seu recibo.

EQUO Galicia considera esgotado un modelo coma o de Sogama, onde non se prioriza a reciclaxe senón a incineración, xa que son queimados arredor do 85% dos residuos que chegan á planta de Cerceda e cada dia aumenta máis o vertedoiro de Areosa. Tampouco aposta a Xunta pola reciclaxe ao poñer o listón nun 20% para o ano 2020 (nesta ligazón pódese consultar o PXRUG).

Non se lle pode esixir á cidadanía que recicle na súa casa e invista en recipientes para o almacenamento e a selección dos residuos, para logo subirlle o recibo do lixo. Os residuos teñen máis vida que a incineración e a administración ten que ser quen de aproveitar o esforzo da xente en separar os residuos dando exemplo, neste caso reconvertindo a planta de Sogama en Cerceda nunha planta na que se priorice a reciclaxe, prohibindo a medio prazo a incineración e reemprazándoa pola compotaxe.

EQUO Galicia esixe ao goberno da Xunta que modifique o PXRUG para adaptalo á normativa europea e estatal no relativo á xerarquía de residuos, de xeito que recolla a seguinte orde de prioridades:

  1. Prevención
  2. Preparación para a reutilización
  3. Preparación para a reciclaxe, incluída a compostaxe
  4. Eliminación

Poñeríase así fin ao modelo Sogama e abriríase a porta a investimentos para outras plantas de reciclaxe e compostaxe nas diferentes comarcas do país, seguindo o modelo dalgunhas das xa existentes, coma a do Barbanza, que ademais de rendible acada unhas cifras de reciclaxe ao redor do 50%. Amais de ser unha planta na que se queiman moitos menos residuos, desde o punto de vista do emprego este tipo de instalacións xera unha cantidade de postos de traballo tamén superior á de Cerceda.

reciclaxe

Deixa unha resposta