EQUO Galicia nas Municipais 2015

A ecoloxía política, traducida na busca da sustentabilidade ambiental, económica e social, na equidade social e na radicalidade democrática, en seis candidaturas para estas eleccións municipais.

EQUO Galicia estará presente nas Eleccións Municipais en seis municipios de Galicia tras o traballo nas diferentes confluencias cidadás ou coalicións de partidos. No resto dos concellos de Galicia, onde na actualidade non temos a suficiente presenza como para artellar ou participar en ningún tipo de candidatura municipal, animamos á cidadanía a buscar a mellor opción para apoiar nesta xa próxima cita electoral do 24 de maio.

En EQUO Galicia estamos convencidas de que a ecoloxía política está perfectamente representada nestas seis candidaturas, polo que invitamos a todo o mundo a consultar os seus programas e a apoialas:

A CORUÑA
MAREA ATLÁNTICA

http://mareatlantica.org
Que é a Marea?
Un chamado. A organización dun desexo común. Un proceso cidadán para a construción dun espazo de confluencia que vaia máis alá de siglas e nomes propios, dende a diferenza pero con xenerosidade. Unha iniciativa de individuos, non unha fronte de organizacións, que se quere liberada dos grillóns da vella política e baseada no protagonismo da xente.

EQUOxente na lista da Marea Atlántica: Daniel Díaz Grandío e María José Durán.

 

BETANZOS

BETANZOS NOVO

http://www.betanzosnovo.org
Tal e como se expresa nos principios políticos do noso grupo, Betanzos Novo é unha Plataforma Cidadá con catro puntos básicos: Democratización do Concello e o deseño do Betanzos que queremos, Defender os dereitos básicos e conquerir unha vida digna para todos os Betanceiros, Impulsar unha economía con xustiza social e ambiental e Xestionar o urbanismo a favor da maioría social.

EQUOxente na lista de Bentazos Novo: Ana Tomé Morandeira.

 

GONDOMAR

MANIFESTO MIÑORhttp://manifestominhor.com
Que é Manifesto Miñor?
Somos persoas, veciños e veciñas do Val Miñor, xuntas neste MOVEMENTO VECIÑAL que se organiza por medio da participación directa baixo unha metodoloxía horizontal ASAMBLEARIA, distribuída por GRUPOS DE TRABALLO, e coordinados/as baixo un CÓDIGO ÉTICO para ir traballando un cronograma e un programa común de cara ás eleccións locais.

Partiu dun grupo promotor de veciños e veciñas de Baiona, Gondomar e Nigrán que se reuniu no Pazo da Escola (Mañufe, Gondomar) para iniciar unha acción cidadá, toda vez que concordaban na análise de que estamos a vivir un momento histórico no que se precisa da unidade para chegar a puntos en común e abrir espazos que faciliten esa
confluencia coa finalidade de conseguir a rexeneración democrática. Esta iniciativa concrétase na redacción do Manifesto Miñor .

Non hai EQUOxente nas súas listas pero si integrados nos grupos de traballo desde o inicio do proxecto.

 

SANTIAGO DE COMPOSTELA

COMPOSTELA ABERTA

http://compostelaaberta.org
Compostela Aberta é unha proposta colectiva da veciñanza desta cidade, co obxectivo de desaloxar a corrupción do Concello e recuperar a Democracia.

EQUO Compostela apoia este movemento cidadán, tras meses de traballo pola confluencia e unhas primarias abertas nas que votaron máis de 1.000 persoas para elexir 15 candidatas e candidatos con e sen filiación política.

Non hai EQUOxente nas súas listas pero si integrados nos grupos de traballo desde o inicio do proxecto.

 

OURENSE

OURENSE EN COMÚN

http://ourenseencomun.info
Ourense en Común é un proceso cidadán para a construción dun espazo de confluencia que vaia máis alá de siglas e nomes propios, dende a diferenza pero con xenerosidade.

Unha iniciativa baseada no protagonismo das persoas da cidade, non unha fronte de organizacións. A procura dun novo xeito de organizar a vida en común en Ourense, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. O comezo dun ciclo de Democracia Participativa sen peaxes e con capacidade para ilusionar á maioría social.

O manifesto é a nosa chamada. Non temos todas as solucións para os problemas da cidade. Pero cremos firmemente que se traballamos xuntas poderemos resolvelos.

EQUOxente na lista de Ourense en Común: Montserrat Valencia León.

 

VIGO

EQUO PIRATAS VIGO

http://www.equopiratasvigo.info
En Vigo creamos unha coalición de partidos xunto a Piratas de Galicia, na que tamén se integrou a plataforma cidadá Vigo en Común e persoas sen afiliación política.

Traballaremos desde a honestidade e a transparencia por unha democracia participativa, pola defensa dos DDHH e dos animais, na defensa do Medio ambiente. Queremos unha cidade solidaria, sostible e que nos ilusione a todas as persoas que vivimos e traballamos en Vigo.

EQUOxente na lista de EQUOPiratas Vigo: Dolores Tobío Sueiro, Serafín Valencia Triviño, Néstor Vázquez Mariño, David Estellés Olveira, Óscar Blanco Hermida, Óscar Milego Fernández, Miguel Braña Montaña, María Isabel Prado González.

Deixa unha resposta