EQUO Galicia insta a Xunta a que avance na eliminación das incineradoras.

EQUO Galicia insta a Xunta a reforzar as políticas ecoloxistas, de protección do medio ambiente, aproveitando a inercia da cancelación do proxecto da instalación dunha incineradora no sur de Galicia e máis concretamente no Irixo. Desde un principio adherímonos aos movementos veciñais existentes sempre que a posición final deles fose rexeitar a incineración de residuos non só no Irixo, senón sexa cal for a súa localización.

Por iso vémonos contrariados pola decisión de ampliar a planta de incineración de Sogama en Cerceda xa que con esta decisión o equipo de goberno da actual Xunta de Galicia continúa co despropósito de apostar pola incineración como tratamento final para os residuos pondo en dúbida a política de reciclaxe levada nestas plantas.

Polo tanto, desde Equo Galicia apostamos polo cambio de modelo na xestión do tratamento de residuos, seguindo a política de residuos de EQUO que fai especial énfase nunha Lei Marco de Recollida Selectiva de Residuos, baseada na xerarquización das tres “Rs”, así como o peche progresivo das incineradoras ata a súa prohibición total e o fomento dos procesos de biometanización, como unha alternativa para as incineradoras. Só a redución na xeración de residuos, a reutilización, a recuperación dos recursos e finalmente a reciclaxe, poden solucionar o problema do aumento exponencial da nosa xeración de residuos.

EQUO Galicia rexeita a incineración por tóxica, cara, insostible e irracional e comprométese a levar no programa da coalición Alternativa Galega de Esquerda a prohibición da incineración como método final para o tratamento de residuos así como o compromiso para o peche da actual incineradora de SOGAMA en Cerceda.
Santiago de Compostela, a 28 de Setembro de 2012.

Deixa unha resposta