Equo Galicia e Esquerda Unida buscan puntos en común.

Esquerda Unida e EQUO Galicia coinciden na necesidade de buscar un amplio consenso das forzas políticas ecoloxistas e de esquerda para frear as políticas neoliberais.

A Asemblea de persoas afiliadas e simpatizantes de EQUO Galicia é a que ten as competencias para tomar a decisión final sobre a estratexia electoral do partido ecoloxista. Está convocada mañá martes 4 de setembro en Santiago de Compostela.

Representantes da Mesa de Coordinación de EQUO Galicia, encabezados polo coportavoz Xesús Fernández Neira, e da Executiva Nacional de Esquerda Unida reuníronse en Santiago de Compostela esta tarde co fin de coñecer as posturas de ambas formacións.  Na xuntanza falouse da importancia de acadar un clima de entendimento nun momento como o actual na que os abusos das políticas neoliberais están a situar á cidadanía nunha situación insostible.

EQUO Galicia e Esquerda Unida apostan polo diálogo para acadar unha proposta política de mínimos comúns que defendan os dereitos da cidadanía de hoxe e garantan un futuro sustentable para todas e todos protexendo os nosos recursos naturais.

A Mesa de EQUO Galicia presentará á Asemblea os resultados das conversas mantidas coas diferentes forzas políticas galegas e será esta, mediante voto presencial e via internet, quen decidirá a estratexia que seguirá o partido

Mesa Coordinadora de EQUO Galicia

Deixa unha resposta