EQUO Galicia destaca a importancia do fomento da soberanía alimentaria como medida de fomento para a Transición ecolóxica e o medio rural

Un dos principais eixos de EQUO Galicia sobre a transformación verde de Galicia pasa por fortalecer unha soberanía alimentaria que fomente os produtos ecolóxicos e de tempada, a conservación alimentaria e a distribución de proximidade. “É o momento das pequenas e medianas produtoras, das cooperativas, da alimentación ecolóxica que permita uns cultivos máis extensivos sen uso de abonos sintéticos que acaban por ser un prexuízo a medio prazo para as terras agrarias”, asegura Alberto Prieto, candidato á Presidencia da Xunta de Galicia.

“A idea é garantir o bo vivir das labregas e a sostenibilidade do medio ofrecendo ás consumidoras a mellor calidade. Para isto, se porán en práctica políticas que acadarán un 30% de superficie colleitada en agroecolóxico (co obxectivo de chegar ao 100% da superficie en 2050) apoiándose sempre na redución do consumo de auga, pesticidas, herbicidas e abonos sintéticos” suliña o representante da única candidatura ecoloxista que concorre a estas eleccións autonómicas.

Para impulsar o desenvolvemento da soberanía agraria galega, EQUO Galicia indica cinco puntos estratéxicos clave:

1. Creación dun Programa de Comercio e Consumo Local no que as administracións públicas galegas priorizarán a compra de produto ecolóxico e fomentarán canles curtas de comercialización.
2. Posta en marcha un Banco de Sementes Público e sen ánimo de lucro en cooperación coa Misión Biolóxica de Galicia.
3. Promoción da transición cara unha gandeiría extensiva con animais en semiliberdade.
4. Creación dunha rede de matadoiros móbiles e obradoiros compartidos destinados á conservación e procesado de alimentos, así como a dotación de ferramentas para favorecer a autoxestión dos produtores na elaboración de produtos imperecedoiros e promover a desestacionalización da súa colleita.
5. Fomento do cooperativismo e economía social tanto na produción como no consumo.

Desde EQUO Galicia entenden que unha transición ecolóxica ten que pasar decididamente por un campo moi forte e dotado de medios. Alberto Prieto lembra a fundamental importancia do sector primario para Galicia e apunta que “o noso obxectivo é se poña en valor tanto os produtos como as persoas traballadoras do sector primario. Non podemos esquecer ningún dos puntos do proceso desde a produción, a comercialización e o propio consumo”

Comments are closed.