EQUO Galicia defende a Renda Básica Universal como política redistribuidora da riqueza entre toda a poboación

Recoñecer o noso dereito a existir, polo feito de ser persoas, fai necesario dotarnos de ferramentas que garantan o noso sustento material máis básico. É por tanto preciso desvencellar a supervivencia das persoas do traballo asalariado no mundo de hoxe en día, no que o acceso ao traballo ou a salarios dignos dista moito de ser xeneralizado. Esta Renda Básica ten que se institucionalizada dende as administracións públicas.

Nas sociedades actuais producimos moito máis do necesario. É unha responsabilidade moral e de sentido común garantir que todas podamos acceder minimamente a estes recursos xerados colectivamente.

A RBU é unha renda non condicionada a nosa situación persoal ou núcleo familiar, cada unha de nós tería dereito a recibila de forma individual. Desta forma, a súa xestión pasa a ser moito menos custosa administrativamente, facéndoa máis eficiente economicamente en comparación con outros modelos de Renda condicionada ao eliminar case toda a burocracia do proceso.

En EQUO Galicia tamén defendemos a implantación de unha RBU por moitos outros beneficios engadidos. Ademais de garantir o sustento material das persoas, sería un incentivo para a activación económica de entornas actualmente deprimidas, actuando coma balance territorial entre vilas, cidades e barrios. É tamén unha ferramenta emancipadora que dota de liberdade ás persoas para negociar as súas condicións de traballo con máis garantías, ademais de fomentar o emprendemento de proxectos persoais que de outra forma serían impensables ao non contar cun colchón de seguridade. Pode servir tamén para fixar poboación no rural, igualando as condicións materiais do rural coas da cidade.

E por último, nomear a dimensión dos coidados. Nunha sociedade con RBU, e con xornadas laborais máis curtas, o emprego estaría máis repartido e sería o complemento da propia RBU. Coas horas liberadas que teríamos durante o día, poderíamos desfrutar máis das nosas familias e exercer os coidados, ademais de contar con máis espazos para a realización persoal, autocoidados e poder realizar as nosas aficións.

Comments are closed.