EQUO Galicia considera imprescindible un desenvolvemento sostible que garanta o futuro da cidadanía galega

EQUO Galicia apoia o aproveitamento mineiro de Galicia sempre e cando sexa sostible no tempo para as persoas e o Medio Ambiente. Precisamos de minerais para a nosa vida cotiá, pero tamén precisamos que se garanta que estes proxectos non destrúan o futuro das seguintes xeracións de galegas e galegos.

Os proxectos mineiros que ten proxectados a Xunta son unha barbarie económica e medioambiental. Neste caso, coma en moitos outros, o goberno da Xunta utiliza a escusa dos postos de traballo para aportarlles beneficios a uns poucos. Pero non se trata de crear empregos sostibles e con continuidade no tempo, senón de emprego temporal que ademais esquilma e contamina as nosas terras hipotecando o noso futuro.

EQUO Galicia, polo tanto, oponse rotundamente a proxectos mineiros coma a mina de ouro en Corcoesto, porque considera que non pode haber traballo nin futuro se o único fin é espoliar os recursos naturais.

A minería a ceo aberto é o peor tipo de minería que existe, porque implica a desaparición total da superficie vexetal que cubre a mina, o movemento de milleiros de toneladas de terra, a utilización de produtos moi tóxicos, incluso prohibidos pola UE, para o proceso de extracción do mineral. Todos estes factores son o suficientemente graves como para afectar a mananciais de auga e aos ríos, que son elementos fundamentais para a vida das persoas e do resto de seres vivos que se verán afectados por estas explotacións.

Perigo! minería a ceo aberto.

 

EQUO Galicia apoia á mobilización cidadá que lle reclama á Xunta de Galicia garantías medioambientais e o futuro do seu actual modo de vida.

A cidadanía organizada está interpoñendo milleiros de alegacións en contra dos proxectos mineiros aos que a Xunta pretende conceder licenzas de extracción. Estas van dende a alegación para manter o seu medio de traballo (agrícola, turístico, deportivo,…) ata a denuncia da ilegalidade manifesta ao non cumprir, ditos proxectos, as leis estatais e europeas de espazos protexidos. Gran parte dos terreos afectados están dentro de Reservas da Biosfera, da Rede Natura 2000 ou a escasos metros das mesmas, aumentando os posibles riscos medioambientais.

O caso máis mediático é o das minas de ouro de Corcoesto pero hai minas proxectadas con impactos medioambientais moi importantes por todo o territorio galego, como é o caso das minas de andalucita en Goente (As Pontes), as de cuarzo na Terra Cha lucense, as de wolframio, niobio, tantalio, litio e estaño nas Pesqueiras (Forcarei) e Castrelo de Miño, así como as de feldespato en Xinzo de Limia.

A Xunta leva varios anos concedendo licenzas de investigación a empresas mineiras para o estudo da explotación de terras raras ao longo de todo o territorio galego, incluso destinou 119.000€ para deseñar, producir e divulgar unha campaña de comunicación sobre a minería en Galicia. Para a Xunta de Galicia a minería converteuse en prioritaria colocándoa por riba da gandería, agricultura ou o turismo, autorizando explotacións en Zonas catalogadas pola mesma Xunta como de Especial Interese Agrario e en espazos naturais protexidos ou de gran interese turístico.

EQUO Galicia considera imprescindible un desenvolvemento sostible que integre ás posibles explotacións mineiras co sector gandeiro e agrícola, piar da nosa economía, e con propostas innovadoras para recuperar o rural garantindo no seu conxunto o futuro de toda a poboación galega.

Deixa unha resposta