EQUO Galicia apoia ás mulleres de Ve-la luz

EQUO Galicia solidarízase coas mulleres de Ve-la luz, en folga de fame desde o 15 de outubro

EQUO Galicia quere denunciar a situación que veñen sufrindo as mulleres afectadas pola violencia de xénero. A Asociación Ve-la luz leva varios anos tratando de facer visible esta situación e o empeoramento que veñen sufrindo debido aos recortes.

Mulleres de Ve-la luz, en folga de fame desde hai 15 días

EQUO Galicia manifesta a súa profunda solidariedade coas integrantes da Asociación Ve-la Luz que se veñen enfrontando ao maltrato e que, desde o pasado 15 de outubro, manteñen unha folga de fame na Coruña para denunciar a súa desprotección por parte do sistema xudicial e os recortes orzamentarios que lles afectan. Tamén facemos extensivo o noso apoio ao resto de afectadas (e familiares de afectadas) que desde outros territorios se están sumando a esta iniciativa.

A crise económica repercute nunha peor atención social ás vítimas, o que aumenta a súa vulnerabilidade. Ademais, os recortes tamén fan menos eficaz un dos principais aspectos da Lei Integral: a rapidez. Sen medios humanos nin materiais, esa inmediatez queda en nada moitas das veces. A falta de medios leva consigo, por exemplo: poucos policías para atender a vixilancia das ordes de protección, atrasos nos Xulgados, as fins de semana non abre o xulgado de violencia, etc.

Pero máis aló das deficiencias de medios e recursos, as mulleres que sofren violencia machista denuncian principalmente que elas e os seus fillos/as permanecen desprotexidos/as durante os procesos xudiciais por maltrato. Durante este período prevalece o dereito do pai a visitar periodicamente aos seus fillos/as sobre os riscos que isto poida implicar cando hai indicios de violencia. As nenas e nenos son obrigadas/os a ver e incluso a durmir co denunciado, co resultado de que ata que non existe unha sentenza de culpabilidade o agresor pode continuar exercendo violencia sobre os nenos e nenas durante as visitas e incluso empregar este recurso para vingarse da súa parella.

Aida, Cristina, Erika, Finny, Gemma, Gloria, Mari Luz, Sandra, Susana e Vicenta son dez mulleres que se levan enfrontado á violencia e que experimentaron despois esta desprotección por parte do sistema xudicial, mentres gran parte da cidadanía confía no compromiso de loita que o goberno di manter contra a violencia de xénero. Como elas ben din, representan a moitas outras mulleres que non reciben cobertura mediática pero que veñen sufrindo o mesmo problema.

Desde EQUO Galicia sumámonos á denuncia deste tipo de situacións e esiximos a todos os gobernos implicados, tanto local, galego coma ao goberno de España que adopten as medidas necesarias para garantir de forma efectiva a protección ás vítimas e aos seus fillos/as e a defensa dos seus dereitos.

One Comment

  1. Parece que hoxe, venres 1 de novembro, hai algún tipo de concentración de apoio a Ve-la luz ás 19:00 no Obelisco da Coruña. Non hai convocatoria oficial na páxina de Ve-la luz, pero si circula por algúns medios este cartel:
    Apoio a Ve-la luz o venres 1 de novembro na Coruña

Deixa unha resposta