EQUO Galicia amosa a súa satisfacción pola retirada da denuncia de INCA.

Finalmente os nove activistas da Plataforma Lugo de Cara ao Miño denunciadas pola empresa INCA, non serán xulgadas, trala retirada in extremis da denuncia presentada contra eles por uns presuntos delitos de coaccións durante a manifestación pacífica do pasado 30 de agosto.

EQUO Galicia amosa a súa satisfacción pola súa retirada, e entende que tal denuncia nunca se debeu de presentar xa que non era outra cousa que unha utilización ilexítima do sistema xudicial para tentar por freo á liberdade de reunión, expresión e manifestación pacífica das xentes da Plataforma cidadá.

Do mesmo xeito que segue a ser un despropósito a denuncia presentada, e que aínda non foi retirada, contra tres activistas máis da Plataforma Lugo Cara o Miño, Lola, Lois e Miguel, por un presunto delito leve de inxurias e calumnias con ocasión da celebración doutra manifestación pacífica en contra das obras ilegais acometidas pola empresa concesionaria.

Esta é a opinión de EQUO Galicia, partido político que segue a amosar publicamente o seu apoio e solidariedade a estas ecoloxistas ante os intentos da empresa INCA de amedrentar o movemento social que representa a Plataforma.

Non é tolerable que os intereses económicos das empresas se poñan por diante dos dereitos e os intereses dos cidadáns a vivir nunha sociedade que protexa e respecte os nosos recursos naturais. E tampouco é tolerable que se utilicen os procedementos xudiciais de xeito capcioso para tentar desprestixiar e prexudicar ás lexítimas reivindicacións dos movementos sociais.

Polo que EQUO Galicia, como membro da Plataforma de Lugo cara ao Miño, seguirá a apoiar e a traballar activamente para que primen os intereses e dereitos medioambientais da cidadanía e non os motivados pola cobiza dalgunhas empresas que nos levan á destrución dos nosos ríos.

Deixa unha resposta