EQUO Galicia amosa a súa preocupación polo feito de que Reganosa aconselle á Xunta en política económica

A formación política lamenta que Feijoo prefira escoitar ao director da empresa adicada ao transporte e a regasificación de gas natural e non a expertos independentes dos intereses corporativos.

O partido da ecoloxía política, EQUO Galicia, ven de manifestar o seu malestar ante a elección do director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas Serantes, para que forme parte da comisión de expertos seleccionados para aconsellar á Xunta sobre como reducir o impacto da crise económica provocada pola COVID-19. Pensamos que a elección dun director dunha empresa adicada ao transporte e a regasificación de gas natural amosa cales son as políticas de recuperación da economía que vai plantexar dito comité. Imos ter as mesmas recetas que en 2009 e xa se selecciona a expertos para que apoien esa doutrina, expresou a covoceira de EQUO Galicia, Susana Mariz.

O partido político non se amosa sorprendido ante a elección, xa que afirman que o PP aposta sempre por modelos económicos neoliberais. Porén a formación lamenta que non se opte por un modelo económico de transición ecolóxica e de economía verde, algo do que Reganosa e o seu director xeral non son precisamente representantes.

Pola súa banda, o covoceiro de EQUO Galicia, Néstor Vázquez, propón que se teña en conta a opinión de outros expertos que podan aportar en temáticas como economía verde e economía cooperativa. Na nosa opinión, habería outras persoas máis capacitadas e con mellor criterio como podería ser, por dar un nome, Xoán Ramón Doldán García, ex-director del Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e actual vicepresidente da Asociación «Véspera de nada. Por unha Galicia sen petróleo», que ademáis de profesor de Economía é o actual decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, afirmou Vázquez.

EQUO Galicia sostén que a reconstrucción da economía de Galicia tras o COVID19 ten que virar cara unha etapa postcrecemento cunhas novas bases sociais e ecolóxicas que moi probablemente non son coincidentes co criterio do director xeral dunha empresa gasística.

Imaxe: Galipedia (PepedoCouto – Feito por min)

Comments are closed.