EQUO participou nos actos antitaurinos en Pontevedra

EQUO Galicia mostrou o seu apoio e acudiu ás accións contra a tauromaquia programadas en Pontevedra o sábado dez de Agosto por diversas asociacións civís. O co-voceiro de EQUO Galicia, Ángel Montero animou a todas as nosas afiliadas e simpatizantes a que participasen activamente nos actos previstos:

  • Cadea humana que rodeou a praza de touros, a partir das 11:30 organizada por  “Igualdad Animal / Animal Equality”,
  • Manifestación ás 8 da tarde na Peregrina, organizada por “Touradas fóra de Pontevedra”.

EQUO felicita a estas organizacións pola labor, non só desta semana, senón de todo o ano, facendo visible o rexeitamento maioritario da poboación galega fronte a unha tradición aberrante e vergoñenta. Daniel Díaz Grandío, co-voceiro de EQUO A Coruña, ve como bo sinal que deputados de todas as formacións se mostren publicamente en contra das touradas.

EQUO quere mostrar o seu rotundo rexeitamento a calquera tipo de maltrato contra os animais e a súa dignidade, como vén sendo a tauromaquia, que non só inclúe a lidia de touros senón tamén calquera festexo popular nos que se empregan estes animais.

EQUO reclama ás administracións locais e autonómica que non destinen máis fondos públicos a promover e sustentar a tauromaquia, mentres por outro lado se multiplican os recortes nos servizos públicos co gallo dunha mal entendida austeridade.

EQUO reclama que se prohiba en toda Galicia a tauromaquia, modificando a Lei 1/1993, de Protección de animais domésticos ou salvaxes en cativerio, eliminando o artigo 5º no que se exclúen explicitamente as touradas, e que se proclame unha Galicia libre de touradas.

Deixa unha resposta