EQUO fai unha chamada á mobilización global para salvar o clima

O cume do clima de Lima roza o desastre e só unha prórroga de dous días acada un acordo de mínimos que evita o completo descarrilamento do proceso global para frear o cambio climático.

No texto final acordado na COP20 non hai obxectivos concretos vinculantes, tal e como se viña pedindo desde a sociedade civil, partidos verdes como EQUO, e incluso institucións como o Parlamento Europeo. O acordo final é outro acordo sen contido nin capacidade real para a modifiación de futuras políticas en materia enerxética, chaves para conseguir a reducción nas emisións de CO2.  As contribucións de reducción de emisións de CO2 de cada país deixanse para o 1 de outubro do vindeiro ano, o que é claramente insuficiente para un acordo vinculante e acorde cos informes do IPCC.

O acordo final deixa clara unha vez máis a distancia entre os países enriquecidos e os países empobrecidos en cuestións como o nivel de responsabilidade, de financiamento para afrontar o problema climático, ou do enfoque prioritario das accións a levar a cabo (Norte: mitigación, Sur: adaptación). Aínda que o texto recoñece o «mecanismo de danos e pérdidas» que permite asignar responsabilidades ou obrigas aos estados por causar un maior impacto no cambio climático, a única mención no preámbulo dálle pouca forza xurídica e operativa.

A falta de vontade política fai imposible avanzar nas cuestións relevantes. Este cume de Lima certifica que mentres non haxa vontade política real de cambio, non haberá cambios. O «fondo verde» internacional para este loita queda totalmente coxo: só se capitalizaron 10 mil millóns de dólares, moi lonxe da promesa de 100 mil millóns anuais feita en 2009 en Copenhague.

Con este resultado, non é posible ser optimista cara á COP21 de Paríns, onde en decembro de 2015 se pechará o definitivo acordo post-Kioto. Isto lévanos desde EQUO a facer un chamamento urxente á mobilización global en defensa do clima: «Non podemos deixar nas mans dos gobernos entregados aos intereses das compañías enerxéticas o futuro do noso planeta», en palabras de Juantxo López de Uralde, co-voceiro federal de EQUO.

Pola súa parte, Florent Marcellesi, voceiro de EQUO no Parlamento Europeo, opina que «co acordo ao que se chegou esta mañá en Lima hai unha boa e unha mala nova. A boa nova, para persoas optimistas, está na existencia do propio acordo global entre 196 países. Porén, a mala nova, para persoas pesimistas  ou simplemente realistas, é que este acordo non permite manter o aumento da temperatura global por debaixo dos 2 graos, tal e como ven pedindo a comunidade científica internacional para poder evitar os peores escenarios climáticos mundiais.»

Deixa unha resposta