EQUO expresa a súa oposición ao fracking en Galicia

Vistas as informacións aparecidas na prensa acerca do interese mostrado pola Xunta de Galicia, a través do seu director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces, na busca de depósitos de gas natural non convencional para a súa extracción a través do procedemento coñecido como fracking, dende EQUO Galicia queremos manifestar o seguinte:

EQUO ten estudado coidadosamente todo o relativo ao fracking, aos impactos asociados, e por iso non podemos aceptar unha tecnoloxía tan agresiva e contaminante. O fracking é unha técnica que pode ser perigosa para a saúde e que produce contaminación atmosférica, da auga e incluso risco sísmico. EQUO considera que é tempo dun modelo enerxético sostible e limpo baseado ao 100% en fontes de enerxías renovables.

EQUO tamén quere mostrar a súa sorpresa polo teimudo interese do Partido Popular, particularmente aquí en Galicia, á hora de apostar por modelos enerxéticos sucios, contaminantes, perigosos e insostibles.

O fracking consiste na realización de pozos verticais na terra para extraer o gas que se encontra adherido ás rochas mediante a inxección de millóns de litros de auga cargados cun cóctel químico e tóxico.

O proceso de fractura hidráulica consume enormes cantidades de auga e pode ocasionar a contaminación dos acuíferos de forma irreversible, como aconteceu nalgúns lugares de EEUU. Por iso, é unha práctica prohibida en Francia e outros países e que está a ser estudada polo Parlamento Europeo.

 

Deixa unha resposta