EQUO denuncia as presións sobre os veciños de Corcoesto

EQUO denuncia a presión que sobre os veciños de Corcoesto se está exercendo por parte da multinacional canadiense Edgewater a través de Mineira de Corcoesto, para forzar a venda dos terreos coa amenaza de seren expropiados. Esta forma de actuar coercitiva e enganosa, que raia co ilegal non é nova neste país. E a Xunta do PP sempre ao lado dos mesmos.

Os numerosos prexuízos ambientais que suporía esta explotación están absolutamente constatados por estudos realizados en explotacións similares en diferentes lugares do mundo. Ademais doutras sustancias altamente perigosas, esta explotación supón ou
uso de máis de 400 tn de cianuro de sodio anuais. Isto repercutirá de forma moi grave tanto nos seres vivos como nos medios terrestre, aéreo e nas augas subterráneas, repercutindo na calidade de vida das persoas da comarca.

Debemos posicionarnos claramente contra a continuidade dun modelo económico evidentemente insustentable, o modelo do ‘aquí e agora’, que tan nefastos resultados deu até o momento, e que, non o esquezamos, todos estamos a pagar a un prezo
que consideramos demasiado elevado. É obriga dos partidos gobernantes, velar pola saúde da cidadanía e non cabe despois esixir responsabilidades a unha empresa que, como sucedeu en Aznalcollar e outros lugares, nunca se fará cargo dos danos que as súas actuacións provoquen. Hai que avaliar os empregos, xornais e fluxo económico
actual e futuro das producións que van desaparecer coa ocupación e inhabilitación dos terreos por parte de Edgewater, así como a repercusión negativa para a creación de postos de traballo na actualidade e en anos sucesivos relacionados cos recursos pesqueiros, gandeiros, agrícolas e turísticos da zona.

EQUO Galicia manifesta o seu total rexeitamento a este tipo de explotacións a ceo aberto, da que só van obter beneficio uns poucos a costa do prexuízo da inmensa maioría. Esiximos ao goberno da Xunta políticas activas de emprego que eviten o afán especulativo e desenvolvedurista de empresas privadas.

Dende EQUO apostamos polo investimento en nichos de emprego emerxentes que  constitúan unha alternativa real, un modelo máis xusto, sustentable e saudable en sectores como a agricultura ecolóxica, a pesca responsable, as enerxías renovables, a mobilidade sustentable, a produción industrial de baixo impacto, o turismo respectuoso coa biodiversidade, a recuperación de residuos, a rehabilitación urbanística etc.

EQUO esixe ao goberno da Xunta que exerza a súa responsabilidade nesta decisión, e elixa un modelo alternativo ao que conduciu á grave crise que neste momento  padecemos.

Asina contra a mina aquí: www.ouroimpuro.multired.net

Máis información sobre esta tipoloxía de mineiría aquí: www.reportaxe.multired.net

 

Deixa unha resposta