En apoio ás activistas da Plataforma Lugo de Cara ao Miño

As activistas da Plataforma Lugo de Cara ao Miño, Lola, Lois e Miguel, están a seren denunciadas inxustamente por calumnias e inxurias cando realmente o único que fixeron foi defender ao río Miño e o ben común de todas. Esta é a opinión de EQUO Galicia, partido político que quere amosar públicamente o seu apoio e solidariedade a estas tres ecoloxistas ante a denunciante que é a empresa Inca, concesionaria da explotación da Fábrica da Luz en Lugo.

rolda de prensa Plataforma Lugo de Cara  ao Miño

O partido, como membro da Plataforma de Lugo cara ao Miño, amosa a súa solidariedade e total apoio ás tres persoas integrantes da plataforma que foron denunciadas pola corporación pola presunta comisión dun delito leve de inxurias e calumnias con ocasión da celebración dunha manifestación pacífica en contra das obras ilegais acometidas pola empresa concesionaria.

Non é a primeira vez que a devandita empresa non dubida en emprender accións xudiciais de xeito capcioso co obxectivo de desprestixiar e prexudicar as accións da Plataforma Lugo de Cara ao Miño. EQUO Galicia pensa que con este tipo de accións a empresa quere impedir o libre exercicio do dereito de expresión dos veciños e interferir na súa capacidade de defender o seu medio e o seu entorno fronte a agresións motivadas pola cobiza e falta de escrúpulos.

EQUO Galicia secunda e anima a todas a participar na concentración convocada pola Plataforma Lugo cara ao Miño, que terá lugar diante dos Xulgados de Lugo o vindeiro 20 de xaneiro ás 12:15 horas, en apoio das tres veciñas que serán xulgadas ese día. A formación quere lembrar que seguirá apoiando e traballando activamente en todos os colectivos cidadáns que teñan por obxectivo evitar máis desfeitas no xa maltreito Miño ao seu paso por Lugo. Nese sentido, a agrupación política defende que todas as intervencións nos nosos ríos deben ser escrupulosamente respectuosas co medio natural, que é o noso patrimonio máis prezado.

O partido continuará opoñéndose ás sucesivas agresións ao Miño e ó seu entorno. As mesmas veñen producíndose dende a concesión das obras de rehabilitación e explotación da Fábrica da Luz polo Concello de Lugo á empresa Inca. Ademáis fai extensivo este apoio a todas as persoas que traballan diariamente para que os cauces do país sexan respetados e preservados.

NÓS TAMÉN SOMOS LOLA, LOIS E MIGUEL!

cartaz Plataforma Lugo de Cara  ao Miño

 

Deixa unha resposta