En prol dunhas políticas forestais ecoloxistas

Hai varios días observabamos con estupor como a Xunta de Galicia tiña intención de talar 6.000 árbores no Monte Pindo para evitar lumes este verán. Ao mesmo tempo propuña queimar 630 hectáreas de monte co obxectivo de “previr” incendios forestais. Dende EQUO Galicia consideramos que ambos anuncios veñen a ser unha mostra representativa do absurdo das políticas forestais da Xunta: eliminar a masa forestal non pode ser de forma algunha unha política de prevención de incendios.

Este é o momento de virar as políticas forestais que se veñen aplicando a nosa comunidade. O actual presidente xa demostrou despois de todos estes anos que non ten a máis mínima intención de pór en práctica políticas forestais serias.

En EQUO Galicia pensamos que as políticas que o rural e o monte precisa teñen que ser de carácter ecoloxista. En primeiro lugar, o monte ten que ser monte; non un mono-cultivo de eucalipto. Deste xeito, entendemos que os poderes públicos teñen que crear un novo plan forestal que preserve e incentive as especies autóctonas e que revirta a eucaliptización que levamos demasiado tempo sufrindo.

Os nosos montes teñen que ser preservados non só por ser un patrimonio natural de valor incalculable senón porque son unha fonte de riqueza por explotar e están repletos de nichos de traballo verde. Nós apostamos polo monte en mancomún, as cooperativas de xestión forestal, polos proxectos de I+D vencellados ao monte, a explotación da biomasa, a gandeiría de extensivos e as actividades de pastoreo e permacultura e a agroalimentación vencellada ao monte. Non esquezamos tampouco a relevancia dos usos do monte e espazos naturais no turismo de natureza e proximidade.

A preservación da nosa riqueza natural non pasa nin pola tala, nin pola queima, senón por un plan de reconversión que impida monocultivos propios de economías depredadoras como a fomentada por ENCE e apoiada pola actual Xunta e que poña en valor todas as capacidades e posibilidades dos nosos montes.

Comments are closed.