En defensa do pequeno comercio

Estes días temos visto como o goberno prohibía a temporada de rebaixas nos comercios malia que si se permiten as rebaixas e promocións nas tendas on-line. Moito nos tememos que as épocas de crise serven a moitos peixes grandes para comer aos pequenos polo que consideramos que o pequeno comercio precisaría maior aprecio e atención da que está acadando.

Na nosa opinión, o pequeno comercio de proximidade debería poder ter rebaixas sempre que se controle a capacidade dos locais e se respectaran as medidas de seguridade. Non perdamos de vista que esta prohibición beneficia especialmente as grandes plataformas que operan globalmente, que son empresas transnacionais que destrúen o entorno, con canles de distribución excesivamente longas para ser consideradas ecolóxicas malia que sirvan produtos destas características e, ademais, evaden e eluden impostos de forma regular.

Entendemos que por diante de todo está a saúde das persoas e a conservación do medio polo que entendemos que non se deben estimular estruturas económicas depredadoras en detrimento do comercio local, que será clave na reactivación trala pandemia. As tendas de barrio son as tendas dos nosos veciños, dan identidade ás nosas rúas e, mercando nelas, facemos que os recursos da comunidade flúan no noso entorno. En resumo, representan un modelo de comercio distribuidor da riqueza máis xusto e menos desigual.

As institucións deben apoiar ao pequeno comercio para que poda afrontar a crise económica que está a volta da esquina. Nós propoñemos que lonxe de estorbarlles con prohibicións, se lles axude a por en pé unha estratexia tanto de mercado físico como online para mellorar a súa resiliencia fronte a posibles rebrotes. Poderíamos tamén axudar entre todas, rexeitando consumos innecesarios e compensatorios que os grandes operadores estimulan, e dirixindo o noso consumo necesario cara un modelo máis pequeno, próximo e xusto.

Comments are closed.