Domingo 21 de setembro: Marcha contra o cambio climático

Mobilizacións en todo o mundo para poñer freo ao cambio climático

Imaxe EQUO ama as enerxías 100% limpas

Este 23 de setembro a ONU organiza en New York un cume de xefes de estado e de goberno para que poñan de manifesto os seus compromisos de cara ás negociacións do Convenio do Cambio Climático que se levarán a cabo na Convención sobre o Cambio Climático (21 Conferencia das Partes ou COP21) que se celebrará este vindeiro ano en París.

Sabendo que nesta xuntanza o anuncio de novas medidas e obxectivos de redución de emisións será seguramente, e unha vez máis, decepcionante, un bo feixe de organizacións da sociedade civil organizan para este domingo 21, en moitas cidades e vilas de todo o mundo, marchas e mobilizacións que expresen a esixencia cidadá duns obxectivos claros e ambiciosos para frear o calentamento global. Baixo o lema de Acción, non palabras! a sociedade civil vai manifestar o seu desexo dunha economía enfocada nas persoas e no planeta, e non ao beneficio das multinacionais das enerxías sucias.

EQUO súmase a estas mobilizacións e esixe ao Goberto Español que plantee no marco da Unión Europea, para adoptar na vindeira Conferencia das Partes (COP21) de 2015, obxectivos máis ambiciosos de redución dos gases de efecto invernadoiro que o 40% para 2030 do que está a falar a UE. Os compromisos de redución deberían ir na liña das recomendacións do Panel de científicos da ONU (IPCC), de xeito que a temperatura medio global non aumente por riba dos 1.5º.

Eses obxectivos deberían incluír a nivel do Estado Español o compromiso para a posta en marcha de medidas lexislativas, fiscais e de financiamento para un cambio do modelo enerxético que permita pasar do apoio actual do Goberno ás enerxías contaminantes ao pulo definitivo ás enerxías renovables e limpas, así como ao fomento do aforro e da eficiencia enerxética en todos os sectores. Particularmente, faría falta tamén un cambio substancial no modelo de transporte cara a un máis sostible, máis eficiente e con menos emisións. Loxicamente, todos eses cambios débense adoptar dispoñendo das apropiadas e xustas medidas de transición para os traballos afectados polos mesmos, poñendo ademais en marcha medidas de protección para os sectores sociais máis vulnerables.

A boa nova é que esa loita para frear o desastre natural cara o que avanzamos pode crear moitos postos de traballo, ademais claro de axudar a ter un planeta máis amable no que vivir. Animámoste pois a participa nas marchas organizadas contra o cambio climático deste domingo. Nesta páxina de Avaaz, https://secure.avaaz.org/es/event/climate, introducindo Galicia na búsqueda, podes atopar as distintas mobilizacións organizadas na nosa terra, en principio cinco: A Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, aínda que non parece que todas estean confirmadas.

galicia-love-enerxias-limpas

Deixa unha resposta