Diversidade funcional e tecnoloxía

Hoxe, 3 de decembro, celébrase o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional. Neste 2014, e baixo o título «O desenvolvemento sostible: a promesa da tecnoloxía»,  o día está especialmente adicado a esa promesa da tecnoloxía como ferramenta para unha mellora efectiva da vida e para axudar a facer realidade a participación plena e en equidade das persoas con diversidade funcional.

Os tres sub-temas nos que as Nacións Unidas centra o seu programa de sensibilización para hoxe son:

  • Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que teñan en conta ás persoas con diversidade funcional.
  • A discapacidade e a reducción do Risco de Desastres/Respostas de Emerxencia.
  • Creación de condicións propicias na contorna de traballo, que teñan en conta ás persoas con diversidade funcional.

En EQUO pensamos que, no que respecta ao acceso á tecnoloxía, o mellor xeito de garantir unhas condicións de accesibilidade reais, empoderantes e tecnoloxicamente independentes  pasa pola promoción e uso de Software Libre e Estándares abertos.

A administración, na súa interacción coa cidadanía, está na obriga de empregar ferramentas tecnolóxicas que non discriminen aos colectivos de persoas con diversidade funcional, condición que en demasiadas ocasións non se está a cumprir. O simple uso sistemático de arquivos en formato estándar aberto ou das recomendacións e estándares web do consorcio W3C permite garantir en gran medida un acceso en igualdade de condicións para todas as persoas. No caso do W3C, ademais do seu importante labor definindo os estándares abertos que garanten a independencia tecnolóxica da www, é destacable o seu traballo a prol das tecnoloxías web que garanten o acceso ás persoas con diversidade funcional, con iniciativas como a Web Accessibility Initiative (WAI).

É tamén destacable o gran traballo cara á accesibilidade na tecnoloxía de moitos proxectos de software libre, como por exemplo o contorno de escritorio GNOME, que conta cun equipo de traballo exclusivamente centrado en mellorar a experiencia de uso das súas aplicacións para as persoas con diversidade funcional. Grazas a esta e outras iniciativas hoxe en día contamos cun bo feixe de ferramentas informáticas que permiten un acceso e uso cada vez máis equitativo e igualitario á tecnoloxía. Nesta ligazón tes algunhas ferramentas de software libre dispoñibles no eido da accesibilidade: http://www.cobdc.net/programarilliure/herramientas-de-software-libre-accesibilidad

Deixa unha resposta