Día do Refuxiado: pechar as fronteiras ás refuxiadas é dificultarlles o dereito a vida

Escapar dunha guerra ou outras situacións violentas, ter unha ideoloxía ou crenzas diferentes ou formar parte dun colectivo LGTBI+ son algunhas das razóns polas que todas nós podemos converternos en refuxiadas. Hoxe sabemos que das 79,5 millóns de persoas que viaxan para sobrevivir, 26 millóns son refuxiadas. Isto debe facernos reflexionar sobre cantas persoas precisan asilo e non o están obtendo.

Hoxe tamén queremos lembrar que a vida nos campos de refuxiados está sendo cada vez máis dura. Os asentamentos precarios, falta de acceso á auga potable ou a asistencia médica seguen sendo unha realidade, que, quizais, vai ser incrementada pola pandemia mundial deste ano. Temos que conseguir que ninguén perda a vida no Mediterráneo para poder chegar a Europa. É o momento de establecer rutas seguras e de asistir ás persoas que se ven nesas situacións.

Non esquecemos tampouco reclamar o recoñecemento pleno da figura do refuxiado climático. Sabemos que se ten avanzado na xurisprudencia pero debemos reivindicar que o camiño sexa menos lento e persoas como Ioane Teitiota sexan recoñecidas como refuxiadas dende o primeiro momento sen ter necesidade de emprender un proceso legal lento e custoso.

A mobilidade ten que ser recoñecida como un dereito universal cando o que buscan as persoas é sobrevivir. Todas as que se despracen por motivos ideolóxicos, sociais, económicos ou climáticos deben poder facelo por todo o planeta de forma segura.

Comments are closed.