Día da Matria Galega 2020: amar Galicia é facer un proxecto de país que coide das persoas e do noso medio natural, e que sexa sostible no tempo

Hoxe celebramos o día da terra galega. Unha data para celebrar o agarimo que temos cara o noso país. Pero non podemos compartir ese sentimento co actual goberno da Xunta de Galicia, que está a dilapidar o futuro de moitos de nós e do propio medio natural para buscar o beneficio das empresas extranxeiras e o gran capital.

Somos galegas, e amamos esta terra, as nosas paisaxes e os nosos medios. Non podemos entón facer outra cousa que reivindicar unha xestión correcta e sustentable das nosas terras para poder seguir disfrutando delas, agora, e nas vindeiras xeracións.

Queremos que se demostre o amor por Galicia coidando os seus montes xa que, desgraciadamente a estas alturas do ano, podemos dar por inaugurada a tempada de incendios forestais, potenciados pola nefasta política forestal de Galicia durante décadas.

Queremos tamén reivindicar as agresións ao territorio pola instalación de polígonos de aeroxeradores en localizacións que distan moito de velar por un equilbrio ecolóxico ou de protección do territorio ou ás persoas que viven nel.

Celebrar esta matria galega require velar polas nosas augas e leitos mariños, que agora se ven ameazadas pola posibilidade de comezar explotacións de minería submariña. Xa non chegaba con depredar o territoio seco, que tivemos que ir ata o mar…

Cremos que sentirnos galegas é tamén velar polo benestar dos animáis non humanos que habitan en Galicia, por iso custa entender por que o actual goberno da Xunta non aprobou ningún plan de protección de especies tras prometer 45 en 2017.

En EQUO Galicia entendemos que esta celebración pasaría por protexer e velar pola nosa terra, por riba de calquera interese económico, xestionar os nosos recursos pensando nas vindeiras xeracións, e levando a cabo políticas que protexan ás persoas e aos seus dereitos. Cremos que amar Galicia é facer un proxecto de país que coide das persoas e do noso medio natural, e que sexa sostible no tempo.

 

Comments are closed.