Debate sobre os lumes en Galicia

lumes

Por que ano tras ano se queima Galicia?

EQUO Ourense busca analizar a quen benefician os lumes e como se pode mellorar a nosa política forestal.

Mesa-debate o xoves 26 de setembro (20:00) no Ateneo de Ourense

Os ecosistemas forestais sofren as consecuencias dunha estratexia equivocada na que se prima a extinción fronte ao necesario e imprescindible equilibrio entre prevención e extinción.

Ante a pasividade da Xunta, EQUO Galicia denuncia que non se trate de atopar a causa real dos incendios para darlle solución cun cambio de lexislación que non beneficie a uns poucos tal e como vén facendo a lei actual.

Despois da nova vaga de incendios que vén de sufrir Galicia un ano máis, preguntámonos por que a Xunta segue sen facer nada ao respecto. A solución non pasa unicamente por perseguir aos incendiarios, feito no que se basea a nova campaña de lavado de cara para xustificar as actuacións da Xunta, senón que debería centrarse nas causas que orixinan ditos incendios.

Para atopar culpables hai que buscar quen sae beneficiado das consecuencias e, neste caso, a Xunta non trata de facer unha análise clara desa circunstancia, senón que culpa ao incendiario puntual que toca. Por que se dá esta situación? É que hai algún interese detrás desta política forestal?

EQUO Ourense quere contribuír a clarexar quen está detrás destes incendios que un ano tras outro se ceban co noso país. Por iso,organiza esta Mesa-Debate sobre os incendios coa intención de obter respostas e aportar posibles solucións que pasan non só pola extinción senón tamén pola prevención.

Ademais analizarase a especial situación na provincia de Ourense onde cada ano se queima unha porcentaxe de máis da metade do total de hectáreas queimadas en Galicia.

EQUO Ourense entende que existen múltiples actores implicados que teñen capacidade para analizar os porqués e poden aportar ideas para tentar dar unha solución. Así, nesta Mesa-Debate haberá representación de varios deses sectores:

  • Iago Borrajo, Delegado de Medio Rural en Ourense
  • David Fernández Calviño, Enx. de montes e Deputado no Parlamento de Galicia por AGE
  • María José Grobas Garaboa, Brigadista forestal e membro da Mesa Nacional de EQUO Galicia
  • Vicente Otero Santiago, Técnico forestal
  • José Manuel Rodríguez Pérez, Director técnico da empresa Bioconstruírnos
  • Xosé Alfredo Pereira Martínez, representante do Comité en Defensa do Monte Galego e membro da Organización Galega de Comunidades de Montes

Modera: Montse Valencia León, Xurista Ambiental e co-voceira de EQUO Ourense

Animamos a todas as persoas preocupadas por estes lumes que nos asolan cada ano, sen que pareza existir unha solución, a asistir a este evento e participar co seu punto de vista. Lembra que será o xoves 26 de setembro ás 20:00 no Ateneo de Ourense (Avenida da Habana, 25, Ourense).

Carteis do evento, por se queres colaborar coa súa difusión: (e tamén en pdf: 1 e 2)

Cartel da Mesa-Debate: Os lumes en Galicia e a súa especial incidencia na provincia de Ourense Cartel da Mesa-Debate (alternativa con menos información): Os lumes en Galicia e a súa especial incidencia na provincia de Ourense

 

One Comment

  1. A propósito do tema, interesante artigo aparecido estes días na revista online JotDown:

    http://www.jotdown.es/2013/09/pero-por-que-carallo-arde-galicia

Deixa unha resposta