Comunicado de desvinculación con “En Marea”.

O pasado 18 de febreiro, e ante a evolución do escenario político galego dos últimos meses, EQUO Galicia acordou en asemblea extraordinaria, que é necesario fortalecernos na nosa andaina propia no ecoloxismo político e no ecofeminismo, facendo un chamamento á cidadanía galega a sumarse activamente ao noso proxecto de país.

Desexamos aclarar que non compartimos nin as formas nin os xeitos cos que foi tomando corpo a nova fórmula de partido instrumental creada no mes de xullo do ano pasado, e que mantén tanto o nome coma algúns dos principais defectos e taras da coalición electoral de tres partidos En Marea. Entendemos que segue a ser unha materia pendente no escenario político actual a posta en valor da radicalidade democrática, a horizontalidade, a participación en pe de igualdade e a transparencia. Principios que están nos xenes das xentes de EQUO Galicia e aos que non queremos nin podemos renunciar.

Ao mesmo tempo, desexamos amosar a noso apoio e  o noso orgullo polo bo traballo que están a facer as nosas xentes nas Mareas municipalistas nos distintos concellos do país, así como o noso absoluto respecto polas formas de colaboración ou coalición ás que EQUO ten chegado noutros territorios ou no Estado Español.

Mais a realidade da política galega é como a propia Galicia, un verxel rico e intenso. E nesta variedade de cores, formas, e sentires, EQUO Galicia seguirá o seu camiño que desexamos sexa o de todas. E seguiremos traballando no presente e colaborando no futuro coas demais formacións, dende o respecto ás identidades propias, á lealdade e á fraternidade que debe guiar a tódalas forzas políticas de esquerda.

Deixa unha resposta