Bici+Tren: unha aposta pola inter-modalidade no transporte

EQUO esixe que os trens da nova liña de alta velocidade en Galicia sigan a permitir o acceso das bicicletas

A posibilidade de subir a bici nos trens galegos diminuíu notablemente nos últimos anos

Ante a próxima posta en funcionamento da nova liña de alta velocidade de Galicia, EQUO Galicia esixe que os trens desta liña dispoñan do correspondente espazo para bicicletas e, polo tanto, sigan mantendo a posibilidade de acceso coas mesmas como ata agora.

En Galicia vimos sufrindo nos últimos anos un constante retroceso na posibilidade de subir bicis ao tren. Así sucedeu, por exemplo, no ano 2010, cando os trens que percorrían a liña A Coruña – Ferrol foron substituídos por outros que carecen de espazos habilitados para as bicicletas. Ata ese momento os trens que facían este servizo dispoñían desa posibilidade, e o cambio dos convois fixo que desde ese ano non se permita o acceso con bicicletas nesa liña.

Unha situación semellante produciuse en 2011 cando os trens «Avant» comezaron a percorrer a nova liña de alta velocidade A Coruña – Santiago – Ourense. Así, mentres este mesmo modelo de tren que circula na liña AVE Madrid – Valladolid si dispón de espazo para as bicicletas, o que percorre a liña galega non permite o acceso con bicicletas, aínda dispoñendo de espazo para levalas. No tren A Coruña – Ourense, este espazo non foi
habilitado ao non ser colocados os ganchos de suxeición.

A posibilidade de subir bicis ao tren, permitindo así a inter-modalidade entre distintos medios de transporte, favorece un transporte sostible e eficiente, e é unha práctica habitual nos ferrocarrís europeos. EQUO Galicia considera imprescindible que as usuarias poidan levar as súas bicicletas no novo tren que unirá as vilas da Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Redondela e Vigo.

Imaxe duns ganchos de suxeición para bicicletas

Ganchos de suxeición para bicis que RENFE decide non incluír nos trens Avant de Galicia

 

Deixa unha resposta