Alcoa. Emprego e alternativas á tarifa eléctrica

O caso de Alcoa é outro dos exemplos da política de privatizacións dos gobernos do PSOE e do PP nos últimos 40 anos. A continua venda de empresas públicas rendíbeis, como as eléctricas e a antiga INESPAL levóunos ó escenario actual no que ambas solicitan a axuda do Estado, despois de termos privatizado o beneficio.

O presente da Mariña non se entende sen Alcoa, pero esta empresa non é a primeira nin a única en ter problemas económicos, que se estenden desde o agro á pequena industria e desde a pesca ao comercio. Por iso exiximos das administracións un plano dotado de fundos para desenvolver plenamente as capacidades de toda a comarca, un plano pensando no futuro da Mariña e non exclusivamente no presente imediato dunha das súas empresas. O problema real da nosa comarca é o desemprego. A Mariña xa viu desaparecer outras empresas que tiveran problemas no pasado que depois de intervencións das diferentes administracións finalmente acabaron pechando.

A proposta da Alternativa Galega de Esquerdas debe basearse en tres piares:

– Transparencia. As partes implicadas na resolución do problema deben manter unha total transparencia cara a cidadania, aclarando cal é o verdadeiro futuro da planta, informando sobre a viabilidade de modificar a “tarifa eléctrica” no actual marco normativo europeo, sobre os posíbeis custos para a sociedade das compensacións exixidas á súa vez polas eléctricas,  das garantías aportadas por ALCOA ao respecto do mantemento ou incremento dos empregos e da rendibilidade económica e social global da súa presenza na nosa bisbarra, tendo en conta as axudas recibidas e os beneficios reportados pola súa actividade.

– Garantia de futuro: mais emprego e sustentabilidade. Calquera axuda acordada debe ter como contrapartida a sinatura dun plan de futuro no que se garanta non só a continuidade de hoxe senón tamén o incremento futuro no emprego. E ese plan deberá contemplar as modificacións que fagan a planta de Alcoa ambientalmente sustentábel, incluíndo a xestión futura da balsa de lodos tóxicos. A recuperación económica non valería a pena de acadarse se tivera que ser a costa da saúde e os recursos naturais que temos a obriga de deixar aos nosos fillos: iso significaria hipotecar o futuro da nosa comarca e o seu desenvolvimento económico.

– Non só mediar, senón intervir. A actuación das administracións ante a situación na Mariña non pode quedar na mediación entre Alcoa e a súa provedora de enerxía. No contexto de desemprego no que estamos, non podemos conformar-nos con manter os postos de traballo dunha empresa, senón que hai que tomar medidas para xerar emprego digno, estable e con futuro. Para iso, entendemos que o mellor camiño é investir os fundos dispoñibles en proxectos cooperativos ligados aos produtos autóctonos, contribuindo a unha economia diversificada e que permita o desenvolvimento de todos sectores produtivos e a creación de industrias e empresas de alta eficiencia enerxética que xeren produtos para consumo e servizos cercanos-comarcais.

Deixa unha resposta