Accións contra o novo crematorio de Pontevedra

EQUO Galicia apoia a manifestación convocada contra o novo crematorio de Pontevedra

EQUO Galicia fai un chamamento a toda a cidadanía, principalmente da cidade de Pontevedra, para que o vindeiro venres 14 de marzo participen na manifestación contra a implantación dun crematorio a menos de 200 metros da cidade de Pontevedra. Dita manifestación está convocada pola plataforma veciñal Non Crematorios Pontevedra Leste e ten programada a saída ás 20:00h dende ‘a Pasarela’.

Dende EQUO Galicia denunciamos que o Concello de Pontevedra estea modificando o PXOM á medida da empresa interesada en construír dito crematorio.

Nin a veciñanza, nin a plataforma, nin EQUO Galicia nos opoñemos á construción dun crematorio, pero consideramos que hai emprazamentos moito mellores e menos nocivos para a saúde pública que onde se pretende facer. Non se pode admitir que se proxecten este tipo de instalacións a menos de 500 metros de distancia de núcleos urbanos onde hai un centro de saúde, un conservatorio de música, dúas garderías, un colexio e varios miles de vivendas.

O Concello de Pontevedra garda silencio sobre este tema e sobre a concesión de licenzas para futuros crematorios aínda peor localizados. A empresa interesada alega, entre outras cousas, que o emprazamento é o ideal por estar ao carón dun camposanto e que este tipo de actividade non é nociva para a cidadanía. Porén, ese camposanto xa foi construído fai máis de 200 anos e a cidade foi medrando ata chegar a rodealo, e a seguridade desta actividade reside basicamente nos controis das emisións e dos filtros de partículas que se utilicen, e non estamos seguros de que se poida confiar plenamente en diios controis e no mantemento dos filtros de partículas xa que normalmente non son
o rigorosos que deberan ser.

Por todo isto EQUO Galicia anima a que todas as persoas se sumen á manifestación deste venres 14 de marzo para defender a súa cidade e a súa saúde.

Deixa unha resposta