A reforma enerxética que nos ven enriba

Sistema solar portátil

O borrador do novo Real Decreto sobre autoconsumo non deixa dúbidas acerca da dirección que o goberno do Estado está a tomar na súa reforma enerxética express -urxente e de costas á cidadanía-, e semella redactado directamente polo lobby eléctrico. Podedes consultar o contido da proposta nesta web ou ver directamente o borrador en pdf.

EQUO Galicia pensa que, na súa redacción e espíritu actual, este Real Decreto sobre Autoconsumo eléctrico atenta claramente contra o autoabastecemento enerxético e supón unha ameaza á xeración distribuída de electricidade. Neste sentido, para EQUO Galicia a imposición da denominada «peaxe de respaldo» só pode ser entendida coma unha taxa encuberta e unha penalización ao uso das fontes de enerxía limpas coma o sol ou o vento.

Para EQUO Galicia resulta inexplicable e de todo inxustificable que o goberno pretenda cobrar unha peaxe pola electricidade que se xera e consume nun mesmo lugar, sen se verter á rede eléctrica. Mesmo o decreto especifica que non se poderá percibir contraprestación económica algunha polo exceso de electricidade vertido á rede, o que empeora aínda máis a rendibilidade deste tipo de instalacións.

Os covoceiros federales de EQUO, Reyes Montiel e Juan López de Uralde, presentaron hai uns días unha carta no Ministerio de Industria na que EQUO exixe a modificación do actual borrador do Real Decreto de regulación do autoconsumo eléctrico, pedindo a supresión da «peaxe de respaldo» aos auto-produtores de electricidade polo excedente producido e o recoñecemento do balance neto.

O autoconsumo con balance neto é un mecanismo que permite ás personas que se convirten en produtores enerxéticos consumir a enerxía producida pola súa propia instalación (habitualmente placas solares), aportando os excedentes de enerxía non consumida á rede eléctrica, e obtendo da rede eléctrica a enerxía necesaria cando o seu propio sistema non estea producindo ou o estea a facer por debaixo das necesidades propias. Finalmente, o saldo entre a enerxía aportada e a consumida debe ser a que se compute a efectos de pagos e cobros. Este sistema de balance neto está regulado como tal en multitude de países europeos.

EQUO, a nivel federal, está a promover unha ciberacción informando da ameaza que supón a reforma formulada polo goberno e recollendo sinaturas contra a mesma. Podes asinar mostrando o teu apoio aquí: https://unete.partidoequo.es/firmas/autoconsumo

Así mesmo, esta formación política insiste na necesidade de levar a cabo unha auditoría do sistema eléctrico que estableza o coste real de cada un dos sistemas que o compoñen, podendo así determinar quen é realmente o causante do xa famoso déficit de tarifa, e propoñer unha nova lexislación que fomente a transición urxente que require o noso sistema eléctrico, baseándoo en enerxías limpas e autónomas.

En relación aos recentes movementos do goberno en política enerxética, o periódico de actualidade crítica Diagonal ven de publicar unha rápida e interesante análise sobre esta reforma eléctrica iniciada polo goberno, que podedes consultar nesta ligazón: www.diagonalperiodico.net/global/reforma-energetica-penaliza-ahorro-y-autoconsumo.html

Deixa unha resposta