A presión continúa sobre os humidais galegos

O Día Mundial dos Humedais celébrase o 2 de febreiro desde 1977 en conmemoración da sinatura do Convenio sobre os Humedais en Ramsar (Irán) en 1971

EQUO considera que fai falla que os humidais se poñan en valor como Patrimonio Natural Universal por ser enclaves cruciais para a loita eficaz polo mantemento da biodiversidade.

Os humidais teñen unha gran variedade de biótopos de transición entre os ambientes terrestre e acuático, polo que xogan un papel fundamental na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico da zona onde se atopan. Son esenciais para a subsistencia das poboacións de aves e outras especies de gran interese, ademais das súas funcións respecto ao ciclo ecolóxico.

Xa no 2012, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural reclamaban que o que xa estaba escrito sobre o papel se levara á acción no escrito «Humidais galegos: presente e futuro». Se daquela facía falta traballo e implicación para o mantemento e a recuperación dos humidais galegos, tres anos despois a situación non so non mellorou se non que vai costa abaixo.

A Lagoa de Antela, un humidal «disecado»

O exemplo da Lago de Antela segue a ser paradigmático respecto ás consecuencias medio ambientais e socioeconómicas dos erros cometidos, no pasado e no presente, na conservación e xestión do noso patrimonio natural.

O 8 de setembro de 1958 o goberno de Franco decretaba a desecación da Lagoa de Antela, emprazada na comarca da Limia, nos arredores de Xinzo de Limia. A evaporación artificial de 40 quilómetros cadrados de patrimonio acuático, ecolóxico e mesmo arquitectónico, supuxo unha perda irreparable de flora, fauna e patrimonio cultural galegos.

EQUO quere lembrar que de non levarse a cabo dita desecación artificial, hoxe a lagoa estaría protexida co máximo instrumento xurídico sobre humidais, o tratado internacional Ramsar que serve de marco para a acción nacional e internacional a prol da conservación e uso racional dos humidais e os seus recursos.

Pero o certo é que a grave situación que fai 50 anos se provocou co proceso de desecación e canalización das augas da lagoa, non é un feito illado da comunidade autónoma galega. Numerosos espazos naturais protexidos dende un punto de vista legal son agredidos e non respectados tanto dende o eido da administración, como por empresas e particulares nada concienciados co entorno ecolóxico e o seu valor.

De feito, actualmente a zona de Xinzo de Limia segue sendo vítima dos pouco afortunados decretos parcelarios da Xunta de Galicia, xunto con numerosas queimas e talas que continúan a facerse ao longo da superficie desecada da lagoa mostrando a nula visión integral dos proxectos que se executan, tendo so en conta a rendibilidade económica sen prever as contraprestacións ambientais, referidas á biodiversidade, á auga, ao cambio climático e á protección dos valores naturais.

O intento frustrado da recuperación da lagoa de Antela no ano 2003 por parte da administración, mediante un proceso de reinundación, é o resultado de querer subsanar un erro pasado e, porén, non recoñecer diversos erros que na actualidade se aproban dende os despachos institucionais e que na maioría dos casos van supor a desaparición de espazos ecolóxicos de gran importancia, non so no propio ecosistema senón tamén no potencial económico da zona, executando proxectos cuxa rendibilidade económica (moitas veces discutible e só obedecendo a intereses moi concretos) é incompatible co respecto ao medio ambiente.

O da Limia non é un caso illado, pois temos casos abondo en Galicia de zonas húmidas cun pésimo estado de conservación ou directamente agredidas pola propia administración. Este é o caso da Lagoa da Frouxeira, que por unha mal planificacion urbanistica ten que ser baleirada pola Xunta de Galicia todos os anos mediante escavadoras, incumprindo todas as leis ambientais de proteccion dos humidais. Paradoxicamente, a Lagoa da Frouxeira está incluída nese convenio.

antes

A Lagoa de Antela no pasado.

agora

A Lagoa de Antela na actualidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta