A mina de Corcoesto: as dimensións da aberración medioambiental

ACTUALIZACIÓN: Nun dos comentarios desta entrada tedes algunhas aclaracións ao respecto dalgunhas inexactitudes sobre as cuestións técnicas e as cifras vertidas no noso texto.

Estas imaxes representan, a tamaño real, a mina de ouro a ceo aberto deseñada para Corcoesto proxectado sobre os principais núcleos poboacionais de Galicia.

Estas son as dimensións do proxecto de ¿futuro? que nos queren «vender». A realidade da megaminería que pretenden implantar nas nosas terras.

Mina Corcoesto proxectada en Vigo Mina Corcoesto proxectada na Coruña
Mina Corcoesto proxectada en Ourense Mina Corcoesto proxectada en Lugo
Mina Corcoesto proxectada en Santiago de Compostela Mina Corcoesto proxectada en Pontevedra
Mina Corcoesto proxectada en Ferrol Mina Corcoesto proxectada en Vilagarcía de Arousa

Equo Galicia oponse totalmente a este tipo de minería tan contaminante e nociva para o medio ambiente. Lembremos que este tipo de prácticas, ademais do destrozo irreparable que causa debido ás grandes escombreiras que necesita, utiliza cianuro e arsénico para a obtención do mineral, perigosos velenos que contaminan a terra e a rede hídrica (augas superficiais e subterráneas), chegando polo tanto á cadea alimentaria, co conseguinte risco para a sanidade pública. Estamos así ante un evidente perigo para a nosa sociedade, pola perda da biodiversidade na zona, do patrimonio histórico cultural, da paisaxe, e prexudicando o benestar de futuras xeracións. Estas actuacións non xeran máis que miseria, pobreza e degradación ambiental.

Instamos á Xunta a que deixe de ser cómplice das grandes industrias mineiras, no seu plan de expoliación dos recursos do país, e aposte por un desenvolvemento sostible que poña en valor os recursos dun territorio sen a ameaza que este tipo de actuacions teñen para sectores claves como son o sector primario (Agricultura-Ganadería-Forestal-Pesca) e outros sectores terciarios (turismo-servizos). Estes sectores estratéxicos xa existentes, auténticos berces de moitos postos de traballo, son os que deben ser desenvolvidos ante os potenciais riscos da crise económica na que nos atopamos (crise alimentaria, enerxética, ambiental, social), polo que desde EQUO Galicia vemos este tipo de actuacións como unha vulneración da nosa identidade como pobo.

6 Comments

  1. Sorprendente a incorporación de EQUO á loita contra a mina de Corcoesto un ano despois de presentar alegacións cando no fixo nada durante este tempo. Hai que ver cómo vos encanta o barullo mediático rapaces! pero pola miña parte, un voto menos.

    • Acepto a crítica de que non sempre estamos (falo por min mesmo, pero considérome parte deste proxecto de ecoloxía política que é EQUO Galicia) tan activos como sería desexable. Tanto neste como noutros moitos temas.

      Agora ben, non é certo que nos «incorporemos» á loita contra a megeminería agora. Temos participado nas mobilizacións (non sempre con faixas ou distintivos, xa que todavía temos poucos medios; e as veces con moi pouca xente, é certo), presentamos alegacións no seu momento e temos falado varias veces do tema neste blog (podes buscar). Facemos o que podemos, que espero que sexa cada vez máis e mellor.

  2. Paréceme que o problema da megaminería en Galicia e en todo o mundo é moi grave coma para andar escollendo os apoios da xente. Todo o que veña a sumar contra esta barbarie debería ser benvido. As veces o último empurrón é o definitivo.
    EQUO presentou as alegacións no seu día ante a Xunta contra a mina de Corcoesto. Xa foi un empurrón máis, cando non había medios por ningures.
    Noutros temas EQUO ten sido o primeiro. E benvidos son os que chegan detrás despois de EQUO para axudar a que as cousas se fagan ben. Todo o que aporte en positivo será benvido.

  3. Infórmannos (vía o Facebook de EQUO Galicia) de que nesta entrada incorremos en varias inexactitudes e algún que outro erro. Moitísimas grazas a Nela Abella pola súa amabilidade á hora de correxirnos.

    Algunhas puntualizacións:
    – “utiliza cianuro e arsénico para a obtención do mineral”. Non. Utiliza cianuro para a lixiviación. O arsénico non o utilizan: está na propia rocha, o que fan é mobilizalo ao mesmo tempo que lixivian o ouro co cianuro.
    – confundides “a balsa de lodos coa lagoa artificial da restauración”, e o que no proxecto aparece como a balsa de lodos, vós chamádeslle “ampliación”.
    – o que consumiría de cianuro son 1,49 toneladas DIARIAS. Iso aparece no proxecto da empresa (Táboa 22 do EIA). En canto a residuos, xeraría un total de 17 millóns de toneladas ao longo do período de explotación (páxina 184 do proxecto). É un pouco confuso dicir que xeraría “1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas”. Esa é a cifra que dá a empresa, intentando confundir co termo “rochas”. En realidade, se ves o volume total de entullos xerados, daste conta de que teñen que mobilizar 6 toneladas de material por cada gramo de ouro. Podes velo na páxina 103 do proxecto, na táboa “ritmo de la explotación”.

    No blogue da Plataforma podedes atopar toda esa información. Hai tamén ligazón á presentación “A mina en cifras”, onde aparecen eses datos e a páxina do Proxecto ou do EIA na que aparecen os mesmos:
    http://nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es/p/mais-informacion.html

  4. Moitas grazas por ter en conta as miñas achegas, e tamén polo voso apoio a esta loita de todas as persoas cun mínimo de sentido común e amor pola terra.

  5. Este sábado 3 de agosto temos documental+relatorio+coloquio sobre este e outros temas aproveitando a visita de Joaquín M. Chávez. Todo o mundo está invitado, claro :)

    http://equogalicia.proyectoequo.org/2013/07/1164

Deixa unha resposta