A degradación do solo (II)

diasolo

En EQUO Galicia facémonos unha pregunta: por que cando a terra nos aporta ademais de beleza unha maneira de subsistir como vén facendo desde sempre, nós lle devolvemos o favor xerando residuos e formigón?

Os primeiros, os residuos, procedentes da xestión inadecuada de lodos tóxicos que se esparexen polos nosos montes e terreos agrícolas introducindo metais pesados na cadea trófica, contaminando acuíferos e producindo o que podemos chamar “solo morto”, que non pode producir.

O segundo, o formigón, é a consecuencia directa das decisións con respecto á minería feitas pola Xunta de Galicia que, promovendo estas actividades, nos fai receptores, tanto aos solos como ás persoas, da toxicidade dos residuos das minas mentres se destroza o entorno. Non é máis ca unha contradición patente que se intente utilizar o termo “minería sostible” para terxiversar a información sobre as consecuencias das minas.

Dende EQUO Galicia cremos que a Xunta de Galicia erra nas súas políticas relativas ao monte. Tanto a Lei de Montes, coma o plan sectorial de actividades extractivas (mineiras) e o concurso eólico, son iniciativas de curto prazo que crearán nun futuro inmediato problemas medioambientais graves e unha perda de biodiversidade asociada ao empobrecemento e á erosión dos solos e por tanto, unha perda medioambiental e económica para os galegos.

Por outra banda, dende EQUO Galicia ofrecemos varias propostas que poderían axudar a mitigar este problema.

  • Limitar a superficie continua de monocultivo xa sexa forestal ou agrícola, e controlar e auditar medioambientalmente as grandes tallas e rozas.

  • Limitar o uso de abonos químicos na nosa agricultura tendendo ao uso de abonos naturais e orgánicos, recorventendo paseniño a nosa agricultura en agricultura ecolóxica.

  • Levar a cabo medidas de prevención de incendios serias, utilizando os produtos derivados das limpezas do monte para a súa utilización como biomasa, non fomentando o cultivo de especies foráneas de crecemento rápido para ese fin. Incluso o fomento da gandería extensiva pode ser de moita axuda.

  • Prohibición de cultivos invasores e foráneos que esgotan os solos, eliminando outras especies que empobrecen a biodiversidade como acacias, eucaliptos…

  • Prohibir os cultivos transxénicos na nosa comunidade, asociados directamente ao esgotamento e contaminación do solo.

  • Realizar plans urxentes de reforestación nas zonas afectadas polos incendios para evitar a perda do solo fértil e a recuperación da flora e fauna.

  • Evitar en todo o posible a apertura de pistas, estradas, minas e grandes movementos de terra que levan ao arrastre de terras cara aos ríos chegando ás veces a provocar grandes danos medioambientais na súa canle e a morte de moitos dos seus habitantes.

EQUO Galicia quere transmitir que está nas nosas mans colaborar para que esta perda do solo non continúe.

Nese sentido hai diversas actitudes individuais que podemos considerar, por exemplo:

  • consumir produtos de agricultura ecolóxica e de proximidade, que non empregan abonos químicos na súa produción e soen usar sistemas de rotación de cultivos que non esgotan a terra.
  • evitar o uso de vehículos a motor nos montes, por pistas ou fora delas, xa que indirectamente se produce a perda e compactación do terreo.
  • sobre todo, debemos querer á nosa terra, aos nosos montes, tal e como se facía antigamente. Aínda hai cousas que temos por aprender do que facían os nosos antepasados.

Deixa unha resposta