A degradación do solo (I)

Achégase o 7 de Xullo, día da conservación do solo.

Neste día quérese facer visible e conmemorar un dos moitos problemas dos que lle está a provocar a acción humana ao noso planeta, a degradación do solo.

Este fenómeno coñécese pola perda das propiedades dos solos por varios motivos, o que desemboca na inutilidade total desas terras, xa sexa por desertización, contaminación ou esgotamento de nutrientes, case sempre relacionada cunha inadecuada utilización pola nosa parte.

En xeral, non existe degradación natural dos solos, sempre é un proceso que se inicia cunha acción humana, como por exemplo un incendio, movementos de terras, apertura de pistas e devasas, monocultivos, mala planificación forestal, urbanización, embalses, etc…

En Galicia, un dos principais problemas da perda de solo está relacionado cos incendios. A chuvia pode chegar a “limpar” un terreo queimado levando consigo a maior parte do solo fértil e deixando un solo areoso e sen nutrientes vexetais, impedindo o establecemento da flora, que como sabemos é a base da pirámide dun ecosistema. Sen vexetación é moi pouca a biodiversidade que habita neses terreos degradados.

A nova lei de montes e o plan de loita contra incendios de Galicia PLADIGA , que vén de aprobar a Xunta de Galicia, non ten en conta medidas directas para a conservación do solo xa que :

  • Basea o plan de loita contra incendios na extinción, e non na prevención. Isto quere dicir que se empregan máis medios para apagar os lumes e menos medios en evitar que estes se produzan. Parece unha gran contradición pero é a realidade. A erosión e perda de terra fértil nos terreos queimados é un dos grandes problemas que os incendios provocan, sobre todo cando chegan as chuvias.

  • Levanta a prohibición da limitación de monocultivo de 50 ha. A partir de agora non haberá superficie máxima para a plantación de monocultivo. O cultivo dunha soa especie forestal en amplos territorios leva consigo unha gran perda de biodiversidade, sobre todo cando se planta especies como o eucalipto, piñeiros, acacias, e outras árbores non autóctonas. Dana os solos (esgotamentos de nutrientes) e os ecosistemas que alí vivían xa que son árbores de pouca produción de froitos e as súas follas non son comestibles.

  • Quere entregar montes comunais a empresas privadas de explotación forestal, como ENCE e FINSA, que sempre buscarán o máximo beneficio e non sempre a propia conservación do solo. (Privatización do noso monte).

 

Deixa unha resposta