A auga ten que ser un dereito de todas

Propoñemos que o Dereito á Auga sexa totalmente efectivo, o cal non significa só que teñamos acceso á auga da billa. Mesmo aquí, en Galicia, onde pensamos que non temos este problema polas abundantes choivas, queda moito por facer. Máis tendo en conta como nos pode afectar o cambio climático e o quecemento global.

Aínda non temos asimilada de todo unha cultura da auga da billa. Os poderes públicos deben fomentar o uso da mesma, desbotando a opción da auga embotellada xa que é a menos recomendable. Nese eido, non basta coas correspondentes campañas de concienciación pública, senón que deben empezar pola propia administración que debe fomentar o uso da auga da billa en todas as súas actividades.

Ao mesmo tempo, todos estes esforzos deben estar acompañados dunha mellora substancial da xestión do acceso á auga. Nós apostamos decididamente pola xestión pública. Non estamos dispostas a que se comercie cun recurso que é vital e, polo tanto, debe ser accesible para todas.
Este acceso debe vir acompañado dunha garantía de transparencia, boa xestión e fomento da participación das veciñas e usuarias. A xestión da auga debe estar aberta á cidadanía para poder ser fiscalizada pola mesma. Deste xeito, debe subministrarse información de forma clara para favorecer o debate e permitir a participación.

Debemos estudar cal sería o consumo de auga necesario para a vida e que esa cantidade sexa gratuíta para todas. Como con calquera dereito, non se pode deixar a ninguén atrás, así, somos partidarias de que non se suspenda ningún servizo á persoas ou familias que non o poden pagar.

Por último, debemos abordar de forma urxente a recuperación dos nosos ríos, humidais e rías garantindo a depuración das augas residuais, reducindo consumos non necesarios e rexenerando de forma activa os espazos naturais onde a auga é a protagonista.

Comments are closed.