Manifesto ESPAZO-EQUO 25X

Unha onda verde para defender a terra

O 25 de xullo, non só é o ‘Día Nacional de Galicia’ ou o ‘Día da Patria Galega’, é tamén unha data clave para fixar por parte das forzas políticas as axendas do curso próximo.

Asistimos a un novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común.

O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as marchas da diginidade ou o proceso das Mareas son capitulos dun mesmo episodio político de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural.

O curso 2016-2017 vai a estar ligado ás eleccións autonómicas, á posibilidade de crear unha alternativa progresista Mareas-PSOE ao goberno de Feijoo e si, despois dun tempo suficiente de experimentación, as forzas de ruptura democrática somos quen de vertebrar unha alternativa política cidadanista sustentado nun novo relato de cambio democrático ligado a novas axendas.

ESPAZO-EQUO como forza do ecoloxismo político e do soberanismo cívico non pode ser alleo á celebración da mesma.

Durante moitos anos a esquerda galega ten situado o 25 de xullo arredor de elementos identitarios illados das axendas sociais, ambientais ou democráticas concretas.

Para algúns o dereito a decidir se ten convertido nun concepto abstracto alleo ás demandas cidadás en lugar de ser a expresión da máxima radicalidade democrática.

Necesitamos ligar a soberanía popular ás demandas cívicas é así poder referenciar o soberanismo cívico como un elemento clave para o cambio.

Un deses elementos centrais, unha desas axendas do cambio, é o ecoloxismo e a defensa do medio natural.

Unha das realidades confirmadas nesta crise é a desaparación do medio ambiente das axendas políticas e mesmo do imaxinario social. O primeiro que se desbota son as insuficientes iniciativas que había previamente. A solución da crise consiste nunha sistemática busca de recuperación do estado das cifras macroeconómicas previo á mesma, eliminando a variable ambiental e substituíndoa por calquera acción que albisque crecemento económico, non importa a súa irracionalidade ou a súa inxustiza.

Nesta demencial carreira, asistimos a desfeitas paisaxísticas arreo, os investimentos nas infraestruturas de transporte máis contaminantes combínanse coa eliminación do apoio ás enerxías renovábeis. As subvencións ás enerxías fósiles corren parellas coa desaparición das políticas de educación ambiental. Parcelamos o noso territorio para facilitar a actuación da megaminaría, entregamos os montes ás industrias papeleira e enerxética, namentres asistimos impertérritos á destrución do tecido rural, verdadeiro garante da nosa capacidade de alimentarnos, da nosa soberanía alimentar. Seguimos a vivir nunha economía de guerra a escala global, ameazados polo perigo nuclear.

Esta irracionalidade macroeconómica implica tamén un recorte brutal de dereitos sociais a nivel galego, estatal e europeo. Esquécense as políticas redistributivas, concentrando aínda máis a riqueza nunhas poucas mans, á vez que porcións cada vez maiores da cidadanía van incrementando o seu grao de exclusión. Perséguese os activistas dos movementos sociais con todas as ferramentas represivas coas que conta o Estado e modifican a legalidade para xustificalo.

Non queremos entender que asistimos a unha crise sistémica: o modelo capitalista de crecemento infinito nun mundo limitado non é viábel. A superación do pico do petróleo, os efectos do cambio climático, un sistema agroindustrial destrutivo, a cada vez maior dificultade no acceso a produtos alimentarios de calidade e o esgotamento das materias primas, obrígannos a unha reformulación radical da realidade mundial, e xa que logo, da galega.

É imprescindíbel repensar a nosa sociedade en todos os seus ámbitos: o económico, o enerxético, o laboral, o social, o territorial, o alimentar … Debemos definir un horizonte de sustentabilidade ao que chegar, ver que precisamos e dotármonos dos medios para acadalo, repartindo de xeito equitativo os custos e os beneficios. Nin as vellas fórmulas keynesianas de obra pública nin a ausencia de fórmulas do actual neoliberalismo debastador poden dar resposta ás novas realidades.

Mais, este cambio de paradigma é imposíbel sen unha participación social profunda tanto na súa definición coma no seu desenvolvemento. A implicación cidadá en todos os campos, o fomento do coñecemento desta nova realidade, as ferramentas organizativas para xestionar esta implicación… Nunca coma nestes momentos resulta máis transcendente e necesario potenciar os instrumentos sociais que contribúan á apertura de procesos participativos reais, que empoderen a cidadanía para tomar as decisións.

O 25 de xullo falamos dos intereses nacionais namentres asistimos impertérritos á destrución do interese fundamental: a terra.

Por iso, nun tempo de cambio e ás portas dunhas eleccións autonómicas centrais para o noso futuro, na nova Marea de cambio que estamos a construír dous son os elementos centrais para que a mesma sexa a súa vez unha verdadeira onda verde: a xustiza social e ambiental, na vertente programática e a radicalidade cidadanista no seu construtor democrático.

Na terra o 25 de xullo de 2016

ESPAZO-EQUO constitúese en Cooperativa Política Galega do Ecoloxismo Político e fai unha aposta clara por Mareas en Común

A cooperativa ecoloxista saúda os procesos de Unidos Podemos e das confluencias periféricas e alerta contra a colonización dos partidos do espazo das mareas, aínda que pide o voto para En Marea tendo en conta a situación política do país

Un mes despois do proceso de confluencia posta en marcha pola Mesa Nacional de EQUO Galicia e o Consello Dinamizador de ESPAZO para avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista, como parte do reagrupamento da esquerda galega renovadora do século XXI este sábado 28 de maio celebrouse en Santiago de Compostela a Asemblea Constituínte de ESPAZO-EQUO baixo o lema “reverdecer a esquerda, enraizando coa xente”.

Durante a mesma participaron 70 persoas afiliadas e simpatizantes de ambas formacións, que desde agora constitúese nunha Cooperativa Política Galega do Ecoloxismo Político, con formato legal de federación de partidos, que integra a 300 membros e 600 simpatizantes e que estará aberta á adhesión de persoas que non formen parte nin de ESPAZO nin de EQUO.

A asemblea ratificou por unanimidade o documento de confluencia entre as dúas forzas políticas asumindo que neste tempo o papel da política debe ser o da participación cidadá a titulo persoal “entendendo o papel dos partidos políticos como espazos para o acompañamento das activistas e de propostas de definición de relato e de liñas estratéxicas fronte ao compartimento estanco electoral competitivo propio da vella política”.

Ademais, ESPAZO-EQUO entende que “correspóndelle ás Mareas Municipalistas, agrupadas en MAREAS EN COMÚN, ser o elemento vertebrador do proceso da MAREA de carácter nitidamente cidadá que poida sumar ás forzas partidarias que deberán diluír a súa praxe para que non haxa ningunha dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisións do colectivo común”.

Por iso, a nova forza “apoia a iniciativa Marea Viva, proposta por MAREAS EN COMÚN, como único espazo de construción de unidade popular sustentada no principio de democracia radical de “unha persoa, un voto” en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se poden incorporar colectivos políticos e sociais”.

Con respecto a segunda volta das eleccións xerais do 26X a asemblea constituínte de ESPAZO-EQUO aprobou unha resolución; con 40 votos a favor, 1 en contra e 8 abstencións; na que se saúda como positivo a alianza para o estado entre Podemos, IU e EQUO, así como o resto das confluencias periféricas en Catalunya, Pais Valencia e Catalunya, e no caso galego pídese o voto para En Marea.

Non obstante ESPAZO-EQUO amosase moi crítico coa deriva de En Marea lamentando que “as forzas partidarias colonizaron o espazo de En Marea e apropiáronse do capital simbólico das Mareas e, en lugar de asentarse como un espazotransfronteirizo e plural, o ámbito de decisións quedou reducido aos tres partidos coligados e as mareas municipalistas relegadas a mera base militante”.

No aspecto orgánico a asemblea constituínte de ESPAZO-EQUO optou por constituírse como unha Cooperativa Política Galega, en formato legal de federación, como primeiro paso cara a unha posterior confluencia orgánica.

De feito, aínda que ESPAZO e EQUO Galicia seguirán tendo a súa actividade propia ceden á cooperativa todas as decisións referidos ao posicionamento na intervención política a nivel galego.

ESPAZO-EQUO aposta por construír un referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista, xunto ás mareas municipalistas e os movementos sociais, como parte do reagrupamento da esquerda galega renovadora do século XXI desde o soberanismo cívico, a sustentabilidade ambiental, a xustiza social global, a cultura da paz, os dereitos civís, lingua, cultura e patrimonio galego, e a radicalidade democrática e transparencia política.

A asemblea aprobou, tamén por unanimidade, a Comisión de Coordinación e Comunicación, así como a Mesa Nacional formada por 18 membros e encabezada polos co-portavoces Silvia Pinal e Manel Cardoso.

A Asemblea Constituínte de ESPAZO-EQUO aprobou tamén resolucións referidas a ao saneamento das rías, a Reganosa. á megaminería. á Lei de Solo e Montes, ao TTIP e ao CETA, ás persoas refuxiadas, ao feminicidio e as infraestruturas innecesarias.

A asemblea tamén foi un punto de encontro de voces a favor da confluencia política, entre elas o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, ou a senadora de En Comú Podem, María Freixanet. Unha delegación da mesa de dialogo de Mareas en Común formada por Mabela Portas e Sofia Abal tamén asistiron.

Na asemblea participaron os deputados provinciais da Marea Atlantica e de Compostela Aberta, Daniel Grandio e Manolo Dios, membros de ESPAZO-EQUO, así como diferente concelleiros da nova formación inscritos nas mareas municipalistas.

Entre as persoas de movementos sociais que saudaron na asemblea estaban Alfredo Pereira da Organización de Montes en Man Común, Inma Rua do SGEP, Manuel Martín de SOS Sanidade Pública, Luís Valcarcel de Europa Laica e Carlos Etchevarría do Foro OBenComún.

Da importante repercusión do acto, que foi retransmitido en streaming, cabe destacar o impacto nas redes sociais. Durante o transcurso da asemblea a conta twitter de @ESPAZO_gal recibiu 42.000 impacto, a conta @EQUOGalicia 49.000 e a conta da cooperativa @EspazoEquo recibiu máis de 122.000 impactos diferentes.

Reverdecendo a esquerda, enraizando coa xente

Asemblea Constituínte da Cooperativa Política ESPAZO-EQUO

sabado 28 de maio
local de Compostela Aberta, Praza do Toural, Santiago de Compostela.

Este sábado 28 constitúese en Santiago de Compostela a Cooperativa Política ESPAZO-EQUO, na que vimos traballando EQUO Galicia e Espazo [Ecosocialista] nos últimos tempos.

Será a partir das 10:30 no local de Compostela Aberta, na Praza do Toural.

ASEMBLEA CONSTITUÍNTE COOPERATIVA POLÍTICA ESPAZO-EQUO
Sábado 28 de Maio | Sede de Compostela Aberta (Santiago)

10,00 – 10,30 horas.– Recepción e acreditacións
10,30 – 10,45 horas.– Elección da mesa da asemblea (dúas co-presidencias e dúas secretarías, en paridade) e saúda do alcalde de Compostela, Martiño Noriega
10,45 – 12,15 horas.– Debate e ratificación do Acordo político de confluencia
12,15 – 12,45 horas.– Elección de órganos de goberno (Mesa Nacional, Comisión de Coordinación e Comunicación e Co-Portavocía)
12,45 – 13,15 horas.– Aprobación de resolucións:

  • Sobre as eleccións xerais do 26X
  • Sobre a violencia machista
  • Sobre o saneamento das rías
  • Sobre Reganosa
  • Sobre a Lei de Montes
  • Sobre a Lei do Solo
  • Sobre a megaminería
  • Sobre infraestruturas innecesarias
  • Sobre política migratoria
  • Sobre o TTIP e o CETA

13,15 – 14,00 horas.– Acto clausura.
Intervención entidades convidadas (3’ cada):
– varias organizacións sociais convidadas, Mareas en Común, ICV e EQUO Federal
– intervención das Co-Portavoces de ESPAZO-EQUO (5 minutos cada)

Achégate e participa!